Desde Cultura Galega:
“Non romper o vínculo e conectar as dúas beiras do Atlántico. Ese foi o propósito de Francisco Fernández del Riego, que durante varias décadas se esforzou en difundir os valores ancestrais e a actualidade cultural de Galicia en revistas de Arxentina, Uruguai ou Venezuela. Este inxente traballo xenerou numerosos artigos repartidos polas revistas da emigración, que agora o Consello da Cultura Galega compilou nun especial interactivo que publica co gallo do final do Centenario de Francisco Fernández del Riego e que permiten mesmo ver a evolución do pensamento do autor desde antes da Guerra Civil ata os anos sesenta.
O especial, que conta con fondos do Arquivo da Emigración Galega, do Arquivo Sonoro de Galicia e a colaboración da especialista en Francisco Fernández del Riego Charo Portela, pode consultarse desde hoxe mesmo. A colección de artigos dixitalizados adéntrase nas múltiples facianas dun polígrafo que se esforzou en manter abertas as canles de comunicación entre a Galicia do interior e a Galicia da emigración e do exilio. Case trescentos textos que poden ser consultados desde hoxe.”