Entrevista a Xosé Vázquez Pintor en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti es hoxe un escritor que tocou todos os paus da literatura: Poesía, Relato, Novela, Ensaio, Teatro, e en todos con éxito de abondo. Cal é o segredo desa polivalencia xenérica?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Non hai segredo. Hai amor e ousadías. Cadaquén un mundo seu que necesita emerxer dende a solaina. Noite e día ensoñación e sorte.
– NG: Es un home e un escritor comprometido coa realidade e coa cultura deste país. Cal é hoxe, segundo o teu xuízo, o panorama social e cultural que vivimos?
– XVP: A lúa anda no minguante (que ten un dobre valor cando non vai eivada) e o sol en sombra ou cacharelas. O contradito case sempre seica foi así. Son os nosos astros con espello. O mundo Gallaecia é o recantiño natural que ten de seu a prehistoria digna no granito e nas estrelas; mais… o paso do tempo venta solano ou travesío e o futuro da vida é case sempre unha poutada, un couto. Velaí vén polo noso mes de maio o Xosé María Díaz Castro, o Poeta dos Vilares, coa Penélope Atlántica, máis grandeira acaso cá fición. O panorama pode ser unha orquestra de moda ou o realismo suxo de ocasión: predador, afoute e descarado que nos manca e doe dende o repaso das idades. Con/fiamos aínda na roca namentras alguén dos algures ispe cada vez máis a nosa terramar dende os tantos anos das esperas. O ceo aínda non pinta solidario. “Aran os bois e chove”. Mais o outro tempo en craro de noso virá.
– NG: Tampouco esquecemos que es mestre, e iso ten moito que ver nesa realidade. Por onde vai o futuro do ensino?
– XVP: Non debería ir xa por onde o levan. O dogmatismo e o rancio do sistema educativo é tamén un couto que conduz arteiramente cara a doma, a ignorancia, o despiste e a penuria. Aburren e creban as mentes. Mais aínda hai rostros e voces limpas, fermosas, solidarias, cultas… Dende a solaina da miña xubilación véxoas vir e seinas, son futuros, atmosferas onde a vida sabe e quere sempre estar. Espabilar: é o designio fronte ao resignio. Dende xa. (…)”