Entrevista a Xosé Neira Vilas

EntrevistaXosé-Neira-Vilas-150x150 a Xosé Neira Vilas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Xa ten contado noutras ocasións que Memorias dun neno Labrego orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Efectivamente Memorias non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura. (…)
– NG: Agora, dende a súa perspectiva actual, á fronte da Fundación que leva o seu nome, como ve vostede a situación da literatura galega? E no que respecta ao futuro?
– XNV: A literatura galega vai ben a pesar da crise e a pesar de que merman lectores. Temos editoriais, concursos, premios nacionais e internacionais. Non é pouco para un pequeno país coma o noso e nas circunstancias actuais. En canto ao futuro, non sei, pero penso que seguirá consolidándose.
– NG: En canto a situación na que se atopa Galicia? Como era o pobo que deixou e como é o que atopou anos despois?
– XNV: Completamente distinto. Cando me fun, o ano 1949, a maioría das aldeas non tiñan nin electricidade. O tractor non se coñecía, as estradas non estaban asfaltadas, non existían os grupos escolares de hoxe. En fin, se nos poñemos a comparar as diferenzas son grandes aínda que queda moito `por facer e hai que seguir loitando para que se faga, para lograr un maior benestar para o noso pobo, e sempre mantendo a solidariedade cos que menos teñen.
– NG: E un home do seu compromiso social e cultural, como valora a situación actual na que nos atopamos?
– XNV: A actual situación, en sentido xeral, é moi complexa, algo así como un impase do que non sabemos o que sairá. Son optimista, aínda que tamén realista. Penso que todo cambiará para mellor. Malia á corrupción, etc. (…)”