Entrevista a Xavier Queipo en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): O feito de falar de vender, de comercializar, non é o acostumado dentro do mundo da literatura. Está claro que ese é o obxectivo final de todo escritor, pero parece que custa dicilo así abertamente, non?
– Xavier Queipo (XQ): Non debería. O obxectivo de calquera escritor é acadar o maior número de lectores posíbel (e quen diga o contrario minte), mais a literatura non deixa de ser un produto e, por tanto, réxese polas leis do mercado. A publicidade, o escándalo, a imaxe pública, a notoriedade dos autores (estou pensando neses comunicadores que publican libros, nos políticos a quen lles escriben as memorias, etc) son armas para vender. Ás veces úsanse e outras non. Xa ves que non me custa dicilo, isto é un negocio e para iso hai tipos listos que deseñan un público específico como obxectivo. Eu non son un tipo listo ou se cadra teño unha profesión que me permite polo de agora vivir sen dificultades e, por tanto, non preciso escribir un produto prefabricado e só escribo o que me peta, cunha grande liberdade creativa. Hai xente que lle gusta o que eu escribo e outra non me le porque as editoras concentran a súa publicidade noutros libros que eles consideran de maiores ventas potenciais. Iso é así, o mercado, a lei da oferta e da demanda, a concentración de capital, o mainstream, os produtos feitos para ser vendidos nos centros comerciais,…
– NG: Nestes momentos, dende hai xa tempo, vives en Bruxelas e non te dedicas a escribir como forma de gañala vida, non é posible neste momento vivir da escrita?
– XQ: Son médico e como tal exercín alternativamente entre 1982 e 1986, mais logo deixeino para seguir o camiño da miña outra profesión que é a de biólogo. Foi esta a que me trouxo a Bruxelas hai agora 25 anos. Eu escribo bastante. De feito logo de dúas ducias de libros publicados, teño case tanto material sen publicar do que publicado (o que fala tamén dunha escolla antes de por un texto diante dos lectores). Por circunstancias da vida non tiven fillos e a miña parella tamén é un creador. Iso facilitou as cousas, sobre todo a nivel de convivencia (vivir cun escritor é difícil). Ao ter un traballo ben remunerado, as presións son menores e daquela a liberdade aumenta de xeito exponencial. Non, coido que non sería unha boa idea dedicarme só á escrita. En galego non dá para vivir e tería que traballar de xornalista, o que non é algo que me atraia.
– NG: Como xurde a túa vocación? En que momento comezas a escribir e por que?
– XQ: Comecei a escribir por necesidade de expresar sentimentos. Estaba aínda no ensino primario, mais como era moi tímido, escribía o que non era quen de dicir (xa imaxinas, amores imposíbeis e outras preocupacións da mocidade). Gustábame ler e coa práctica e a lectura cotián fun avanzando até que en chegando os trinta anos pensei que estaba maduro bastante para publicar un libro, o que foi case unha casualidade, por mediación do tamén escritor Xelís de Toro e do editor Paco Macías, que me animaron a publicar Ártico e dos que fiquei por sempre agradecido. (…)”