Desde Sermos Galiza:
“Esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal e críase perdida. María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial (AHV) de Lugo, sinalan que o estado de conservación dos pregos atopados é ”moi bo en xeral”.
María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela son arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial de Lugo. A principios de abril de 2013, un investigador advirte que no índice dos protocolos notariais do distrito de Monforte de Lemos consta erroneamente no campo de observacións dun asento que a cuberta do protocolo é un pergamiño que contén un texto musical.
“Tomamos nota do comentario e revisamos o protocolo para comprobalo”, indican estas días arquiveiras nun comunicado achegado por Anabad, “pero chámanos poderosamente a atención o pergamiño en cuestión”. Esa atención vai da pé ao descubrimento, na encadernación de varios protocolos de Monforte, “de pregos de pergamiño que parecen fragmentos dun códice que trata de caza, escrito en galego ou en portugués e en escritura gótica”.
No proceso de identificación da obra nun cotexo co texto da copia publicada, “descubrimos que se trata do Livro da montaria de João I de Portugal”. Esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal, “ao parecer, por iniciativa directa do rei”. Adoita datarse entre 1415 e 1433 e está estruturada en tres libros, sumando un total de 70 capítulos. É unha das obras portuguesas máis notables do século XV. (…)”