Entrevista a Amparo Castaño, nai de Xela Arias, en Atlántico Diario:
“- Atlántico Diario (AD): Que versos pensa que non deben faltar hoxe?
Amparo Castaño (AC): Como nai, muller e avoa sinto moi perto o Darío a diario, sen embargo calquera poema reflexa a súa implicación coa vida. A miña filla utilizaba a poesía como filtro para entenderse a si mesma e aos demáis. Nós falabamos moito, para min a súa obra é ela mesma.
– AD: É a segunda lembranza por parte dos seus compañeiros de Letras. Recibiu o mesmo recoñecemento por parte da Real Academia Galega?
Estamos moi agradecidos co trato que se lle está dando pero preferimos que sexa o ámbito cultural o que indique que lugar debe ocupar. Xela non admitiría inxerencias, simplemente tentamos cooperar no que poidamos. Tamén se fai un certame anual de poesía no IES da Sangriña, na Guarda, que leva o seu nome, ver aos nenos e mozos e a súa calidade supón unha grande ledicia, da que estaría moi orgullosa.
– AD: De Xela díxose que sentía a literatura como un modo de vida.
– AC: Foi sempre moi independente e ao mesmo tempo moi familiar. Na casa sempre houbo ambiente de libros, viñan moitos amigos escritores. Valentín (o pai) escribiu un relato para as festas do San Xoán de Sarria, contaba que Xeliña falaba galego. Naqueles anos falar galego e estar entre letras era unha opción revolucionaria, e Xela seguiu co seu compromiso toda a vida, coas persoas, co galego e cos libros. Sempre estivo rodeada de libros. Era un medio no que se vía que disfrutaba, xa fose editando, corrixindo probas, traducindo, escribindo… era a súa vida.
– AD: Cando deu mostras de se interesar pola poesía?
– AC: Manuel María regaloulle O Principiño con sete anos, pediunos unha estantería para poñer os seus libros, coidábaos moito. Escribía contos e ganou varios concursos literarios en Vigo con dez anos, con once gañou o premio do Facho, na Coruña. A poesía veu máis tarde, coa primeira xuventude.
– AD: Nesta homenaxe estará representada parte da familia. Como a sinten?
– AC: Participamos no acto. É unha mezcla de sentimentos, pois lembrar todo o que nos deixou é moi emotivo. Temos a obriga de dar as grazas pero preferimos manternos nun segundo lugar.”