Entrevista a Antón Riveiro Coello en Noticiario Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Como é Antón Riveiro Coello como escritor? Como define a súa obra?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Coido que son un escritor curioso, atento, sempre na procura de historias. E a miña obra non é outra cousa que a orde de todas esas curiosidades. (…)
– NG: Tocou todos os xéneros, máis narrativa sen dúbida, pero tamén houbo algo de poesía… Que lle permitiu cada un deles?
– ARC: A poesía é unha iluminación, un abismo para min e ponme moito respecto. Eu son fundamentalmente narrador e síntome máis cómodo na novela e no relato que na poesía. De aí que as miñas experiencias na poesía adoiten ser narrativas. Limaiaé é un libro de poemas limiaos que xurdiu dun compromiso cos amigos e do que estou satisfeito porque foi unha viaxe moi especial pola memoria da Limia e o seu río. (…)
– NG: Son importantes os premios para a Literatura? Para o sector como tal?
– ARC: Precisámolos para a normalización dunha literatura. Dicir que hai moitos premios ou moitos escritores é o mesmo que protestar porque un bosque ten moitas árbores. Os premios cumpren varias funcións como a de confirmar carreiras, abrir camiños ou facerlles publicidade aos propios libros o que pode poñer medras nas vendas do sector. A min os premios servíronme para o máis importante, que non é outra cousa que atopar unha editorial de prestixio como Galaxia. De feito, dende o ano que gañei o García Barros nunca máis me volvín presentar a un premio porque o fundamental xa estaba conseguido.
– NG: Xa para ir rematando, como valora a situación da literatura actual Antón? Mirando cara a literatura galega, como diría que se atopa?
– ARC: Hai un nivel de altura. A verdade é que, malia a invisibilidade á que nos condenan e á situación pola que está a atravesar o galego, a nosa literatura nada ten que envexar a outras literaturas. A parte de fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, nos últimos anos eu salientaría a diversidade e a consolidación dunha xeración de narradoras tan interesantes como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Berta Dávila, María Reimóndez, Eva Moreda, Uxía Casal, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras. (…)”