Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“A festividade das Letras coincide sempre cunha abondosa aparición de libros e outros materiais sobre a persoa homenaxeada. Dalgunha forma iso é o mellor e o peor que a celebración trae cada ano. Por unha banda, a capacidade de seguir a marcar os ritmos da industria cultural do país, fomentando en ocasións a recuperación de obras descoñecidas, perspectivas pouco exploradas e materiais inéditos. Do outro lado, a débil liña que separa ás veces a homenaxe do oportunismo, algo que se ten manifestado en máis dunha edición da efeméride a través de tensións editoriais e mesmo persoais.
Nesta ocasión, probabelmente esteamos ante un caso especial. Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano. A concesión do Día das Letras neste 2014 centra a difusión destes aspectos en persoas e entidades que lle foron particularmente próximas ou que mantiveron vivo o interese no guitiricense durante estes últimos anos, alén de pular para que o grande recoñecemento póstumo da cultura galega se fixese efectivo. (…)”