Desde a web de María Reimóndez, o discurso da autora na entrega do XXXI Premio Xerais de Novela:
“Como non podería ser doutra maneira, teño que comezar estas palabras polo agradecemento. En primeiro lugar, ao xurado, por acoller con cariño este texto e por outorgarlle unha visibilidade que sen dúbida resulta moi difícil de agradecer en palabras. En segundo lugar, a Xerais, por seguir traballando e convocando este galardón malia a todas as dificultades que nos rodean. Xerais é para min o fogar, a casa que me acolle e na que medro como autora, e sen dúbida este premio ten un significado nese sentido que será difícil que outro acade.
Mais o meu agradecemento vai máis alá aínda. Quero agradecerlles a compaña ás lectoras ao longo dos anos, ás persoas próximas que están aquí comigo hoxe e aquelas que non puideron acompañarme. Hai quen di que a escrita é un exercicio solitario, mais eu teño a fortuna de non sentilo nunca así.
Tamén quero agradecerlles os azos e tenderlles dende este lugar que agora ocupo as mans do ánimo a todas as autoras que se presentan a premios e rara vez gañan, como confirma con datos un recente estudo do Observatorio da cultura galega. Este galardón que eu hoxe recibo só o gañaron 7 mulleres, 8 comigo mesma, e menos aínda son as que gañaron cunha personaxe feminina como protagonista das súas novelas. Hai persoas ás que lles gusta pertencer a grupos selectos pero eu non son unha delas. Compañeiras, sigamos sen desanimar sachando nos camiños da escrita.
Teño para min que un dos problemas que se nos presenta como autoras á hora de ser recibidas por un xurado é que as experiencias, pensamentos e vidas das mulleres seguen sendo percibidas no mundo literario coma o particular fronte ao universal que supostamente representan as narrativas protagonizadas por homes ou dende ópticas do masculino. Isto, precisamente, ten moito que ver coa novela que foi quen de darme esta gran ledicia.
Dende o conflito busca narrar estas mesmas dificultades e moitas outras dende outro espazo da escrita: o xornalismo en xeral e o de guerra en particular. As dificultades desta profesión poden parecer evidentes: perder a vida, ser vítima de violencia, secuestro, etc. Mais a verdade é que polo xeral os perigos adoitan estar en espazos moito máis impenetrables á ollada pública, eses que a literatura ten a oportunidade de esculcar. Espazos que teñen que ver coas relacións persoais, cos papeis aprendidos, coa percepción novamente do noso traballo pola sociedade.
Un dos papeis aprendidos do xornalismo de guerra ao que as xornalistas se enfrontan cada día é o da narrativa dos heroes, aquela que di que un xornalista de guerra é alguén que arrisca a vida para contar a noticia. Non serei eu quen quite mérito a poñerse na liña de fogo para que acó, do outro lado, rabuñemos polo menos na superficie do sufrimento humano noutros lugares do mundo. Mais estas historias da heroicidade están fondamente interrelacionadas coa súa outra cara: a violencia e a guerra. Como diría Sofía Casanova: “O problema formulado pola guerra, como o complexísimo da paz, é sinxelamente un problema de ética”. Tamén un problema de imaxinario, aquel que pon as persoas brancas e occidentais no centro e ás outras como accesorias.
Durante o proceso de escrita e reflexión desta novela tiven a gran fortuna de poderme achegar a unha mínima parte dos textos dunha manchea de correspondentes de guerra, dende a nosa Sofía Casanova xa mencionada ata Marie Colvin, asasinada en Homs nun conflito que segue sangrando. Estes textos, algúns deles crónicas de traballo e outros máis persoais, manifestan un enfoque da vida moi afastado desa retórica do heroe occidental que vai “dar voz ás outras”. Amosan un afán de proximidade cara a outra e un entendemento complexo dos conflitos, sobre todo porque se miran en conexión coas outras mulleres dende a posición propia.
A desvantaxe que o patriarcado nos ve na literatura e no xornalismo de guerra é, porén, a maior vantaxe porque estas xornalistas son quen de penetrar nos espazos do privado onde comezan todas as violencias, elas son quen de comunicar o padecemento invisible da maioría da humanidade que vive, acó e aló, en guerra permanente, como di Colvin: “Estamos nunha guerra que nos afectará a todas e a todos e aínda así non sabemos case nada dos acontecementos que ocorren nun dos lados”.
Con esta novela sen dúbida buscaba desfacer estes discursos heroicos dende o interior, repasando non só a vida da Saínza senón a do tecido de mulleres xornalistas que ao longo do tempo foron percorrendo os camiños da violencia e a barbarie para defender algo tan complexo dende esa posición como é a paz. A paz é seguramente o concepto máis simplificado, se cadra xunto ao do amor, ao que nos enfrontamos sen decatarnos cada día. A paz está vinculada aos actos pequenos do día a día máis que a ningunha outra cousa. Está vinculada a pensar, cando recibes unha mensaxe para renovar o móbil de forma gratuíta, no coltan que fomenta a guerra na República do Congo, está vinculada a non falar con simplismo das situacións de barbarie que se dan en lugares tan próximos como a Ucraína, un conflito novamente por uns recursos que como europeas debería darnos vergoña escoitar que non se intervén porque se teme que suban os prezos do noso gas. Todas somos cómplices e responsables. Pensar a paz dende esta posición implica entender que toda guerra ten na súa base a nosa comodidade.
Falo de todo isto como se eu mesma fose xornalista de guerra, e aí terédesme que desculpar mais o certo é que mesmo sen ser xornalista si comparto coa Saínza algunhas experiencias de proximidade á outra. As escollas da miña vida leváronme a coñecer moi de preto, noutra calidade, iso si, moitos dos espazos que aparecen no libro: a fronteira entre Ruanda e o Congo, Etiopía, Haití, Paquistán ou indirectamente o xenocidio do pobo támil en Sri Lanka. Nese sentido foi doado poñerme na pel da Saínza, moito máis aínda poñer por escrito a experiencia de alleamento que a miúdo vivo cando regreso a estas as nosas sociedades aparentemente desenvolvidas. A comodidade semella que axuda a esquecer, sobre todo certas historias inscritas nos corpos das mulleres de xeito sistemático. Por moito que leamos o xornal, como di a Lara Logan, xornalista estadounidense violada na praza de Tahrir en Exipto durante a chamada primavera árabe: “O que non se pode ensinar ou adestrar é o coñecemento de quen somos. Esa é a luz que nos guiará cara á recuperación nos meses ou anos escuros que seguirán. Esa é a luz que me amosou a min claramente o importante que era erguer a voz e non calar”. Contra o esquecemento, o lume, a fame, a violencia, a complicidade e a morte a literatura pode constituír un espazo de cambio. Dende unha posición rebelde cos papeis dados, dende a procura da propia voz dende a que poder escoitar a das outras. Creando a incomodidade como única posición ética dende a cal estar no mundo. Porque se non nos incomodamos coa guerra malamente nos habemos de incomodar por ningunha cousa. Se algo me gustaría que esta historia deixase tras súa sería se cadra iso. Pero de hoxe en diante xa esta cuestión non está na miña man, senón na vosa. Grazas polo privilexio de permitirme incomodarvos.”