Desde Sermos Galiza:
“Recibiu o Premio Trasalba e, máis unha vez, presentouse herdeiro dos soños da xeración Nós. O escritor Agustín Fernández Paz criticou no seu discurso a condición de “libertade limitada” que padecen @s galegofalanes e lamentou o doado que é desfacer o que tanto tempo “custou construír”. (…)
O discurso de Agustín Fernández Paz ao recoller o Premio Trasalba foi contundente á hora de criticar os pasos atrás no proceso de normalización lingüística. “Na Galiza de hoxe as persoas galegofalantes temos a nosa liberdade limitada”, dixo o escritor que defendeu o espazo de normalidade para a lingua e mostrou a súa confianza na rede e nas iniciativas sociais para pular contra a ofensiva que bate no galego.
Como un “dos mellores escritores do noso tempo” que “traballa sempre desde o compromiso coa nosa lingua” definiu o tamén escritor e presidente de Galix, Francisco Castro, ao autor da recente A viaxe de Gagarin (Xerais), un título que se engade a súa ampla e valorada obra que o converteu nun dos escritores máis lidos e traducidos da nosa literatura.
O acto de entrega do premio Trasalba tivo lugar este domingo día 29 de xuño na casa museo de Ramón Otero Pedrayo. A Fundación Otero Pedrayo decidira por unanimidade da súa xunta de goberno concederlle o recoñecemento a Fernández Paz nesta edición número 32 para o que valoraron “moi especialmente“ a súa significación na literatura dirixida aos lectores máis novos “ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece”. (…)”