Artigo de Xosé Abilleira Sanmartín en Sermos Galiza (a fotografía é dese mesmo medio):
“Cúmprense este 28 de xuño vinte anos da morte do poeta, profesor e tradutor Evaristo González, máis coñecido por Evaristo de Sela. Figura fundamental no mundo da tradución, a obra de Homero chega á nosa lingua da súa man. (…)
Todo un universo que dá como resultado inquedanzas e creación: unha descuberta do país, Galiza; unha obra literaria, os dous poemarios Amar (Vigo, 1945) e o póstumo Versos de preso e outras rimas (2007); unha dedicación, a docencia, o grego. Unha definición: a entrega á cultura mediante, sobre todo, a tradución.
Sobre isto último quero pararme algo. Evaristo de Sela, poeta, profesor, é, fundamentalmente, o tradutor de Homero ao galego. Pensemos no que iso supón. E contextualicemos non só atendendo a biografía e circunstancias penosas que sofriu o noso autor, senón tamén cavilando a clave nacional do feito: aportar para Galiza a Iliada e a Odisea no noso idioma. Unha tarefa inxente, referencial. A consciencia dunha necesidade. Unha contribución clara a favor do país, da súa cultura, da súa lingua, nas coordenadas conflitivas que o marcan. Comparábel en dimensión, por exemplo, a fitos como o colectivo da Biblia na editorial SEPT ou o do Fausto de Goethe a cargo de Lois Tobío. Unhas traducións senlleiras dende o coñecemento do orixinal (neste caso, o mundo homérico, a lingua grega). Non son paráfrases, polo tanto, como resultaron tantas versións dalgunhas literaturas (pensemos, así, na rusa que lemos dende o francés, v. g. Tolstoi, Gorki, Dostoievski). Son os resultantes textos completos e fidedignos, e non amputacións nin deturpacións (lembremos que pasou con tantas versión de Aristófanes, Lucrecio, Petronio, etc). (…)”