
Arquivo da categoría: Tradución
Décimo aniversario do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia
Nado en 2016 grazas a un convenio entre a Xunta de Galicia e a Università degli Studi di Perugia, o Centro de Estudos Galegos (CEG) distinguiuse non só pola súa marcada vocación científica, plasmada na publicación de volumes e artigos, senón tamén polo seu compromiso coa docencia e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas fóra do ámbito académico, a través de actos públicos e colaboracións institucionais.
Ao longo destes anos celebráronse proxeccións de películas, concertos, exposicións, espectáculos teatrais, presentacións de libros, recitais poéticos e conferencias de escritores e intelectuais.
Precisamente para celebrar o décimo aniversario da súa creación, o CEG organizou unha serie de iniciativas que terán lugar o xoves 29 e o venres 30 de outubro. A celebración comezará o xoves 29 de outubro ás 16.00 na Sala delle Adunanze do Departamento de Letras, cos saúdos institucionais de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma, e Gianluca Grassigli, director do Departamento de Letras. Ás 16.30, Marco Paone e Carlo Pulsoni repasarán os dez anos do Centro no encontro «Memoria e percorrido». Ás 17.00 será a quenda da literatura, cun encontro co escritor Manuel Portas arredor da súa novela Lourenço, giullare, no que participará a tradutora Gloria Castelli.
A homenaxe continuará ás 21.00 na Abbazia di San Pietro, en Borgo XX Giugno 74, co concerto de Catuxa Salom, Mulleres Piratas, e a participación de Clara Borghesi. Unha viaxe polo folclore galego e as sonoridades electrónicas, enriquecida pola voz narrativa e interpretativa de Borghesi, nun diálogo entre música, poesía e teatro. A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo.
O venres 30 de outubro, as actividades continuarán na Sala delle Adunanze. Ás 10.30, Carlo Pulsoni moderará a mesa redonda «Os estudos galegos en Italia», coa participación de Attilio Castellucci, Rachele Fassanelli, Simone Marcenaro e Marco Paone. Ás 12.00 tomarán a palabra as novas xeracións da investigación, con presentacións e experiencias de persoas tituladas que dedicaron os seus traballos de fin de estudos ao ámbito dos estudos galegos na Universidade de Perugia.”
A Coruña: presentación de As. O que a asexualidade revela sobre o desexo, a sociedade e o significado do sexo
Vigo: encontro arredor de A condición humana, de André Malraux, con David Rodríguez e Oriana Méndez
Vídeo da presentación en Vigo de Paxaro, de Tracey Lindberg, obra traducida por María Reimóndez
Ourense, Monforte, Lugo, A Coruña e Salceda de Caselas: presentacións de Rumiando, de Josebe Blanco Álvarez
Vilagarcía de Arousa: II Seminario permanente de tradución Plácido Castro. A herdanza Ferramonti, de Gaetano Carlo Chelli, con Isabel Soto
Compostela: actividades do 11 de outubro na SELIC 2026
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu Socio de Honra, Xosé Manuel Beiras
Desde a AELG manifestamos o noso profundo pesar polo pasamento de Xosé Manuel Beiras, cunha extensa traxectoria de enorme altura como economista, político e intelectual, cuxa obra escrita atravesou diversos campos creativos, sendo os máis coñecidos os do ensaio e a tradución, aínda que tamén se achegou á narrativa e á poesía.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, das que destacamos esta extensa entrevista sobre a súa faceta de escritor, guiada por Xosé María Álvarez Cäccamo.
O seu compromiso co país foi central durante toda a súa vida, participando en numerosas iniciativas, entre as que destacamos a súa presenza crucial no Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.
Lembramos aquí a Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E dedicada á súa figura en 2025, en Santiago de Compostela.
Por indicación da familia, as persoas que desexen renderlle unha última homenaxe poderán facelo na sala de despedida instalada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, que permanecerá aberta desde as 12:00 horas do venres 9 de outubro, convidando a participar no acto público de homenaxe, aberto á cidadanía, que se vai celebrar o día 9 ás 16:00 horas no propio Museo do Pobo Galego.








