Artigo de María Reimóndez na plataforma de crítica literaria A Sega:
” Enfrontarse á obra da filósofa feminista poscolonial Gayatri C. Spivak supón sempre un desafío de enorme complexidade. Non só porque a súa obra sexa total e abranguente e dialogue de forma crítica e simultánea coa filosofía canónica patriarcal occidental, o feminismo branco imperialista, a globalización, a tradición filosófica patriarcal india… senón sobre todo pola capacidade interminable de incomodar o discurso. Unha das maneiras máis eficientes que ten Spivak de facelo é zarrapicar o seu complexo discurso filosófico sempre coas puntadas da experiencia próxima, coas realidades filosóficas da propia vida e das vidas propias das mulleres que se silencian no discurso, con esas que ela denomina “as subalternas”. Precisamente isto é algo que fai de maneira senlleira no seu artigo fulcral Can the Subaltern Speak?.
Neste artigo, Spivak pon as bases do que serán algúns dos seus temas recorrentes de pensamento sobre a outredade. O artigo divídese en varias partes e vai pasando dende unha análise poscolonial do “suxeito” na filosofía occidental ata chegar á maneira en que a subalterna é construída como un silencio violento por discursos patriarcais enfrontados. Así, a primeira parte do artigo analiza de que maneira discursos aparentemente “críticos” coma os de Marx, Deleuze ou Foucault foron construídos sobre as costas da outra, esmagando a súa posición dende unha totalización que contrapón de forma implícita o nós e o outras dende diferentes ópticas. Spivak fai isto dunha maneira moi eficiente, escollendo o suxeito colectivo preferente do pensamento “de esquerdas”: “os traballadores” (e traduzo de forma deliberada o masculino para o neutro inglés “the workers”). (…)”