Mercedes Queixas: “Vivo rodeada de palabras, como todas as persoas, e gústame escoitalas, lelas, tocalas”

Entrevista a Mercedes Queixas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Foi vostede coordinadora da Editorial Laiovento, cal foi o seu labor neste tempo? Como recorda aquela etapa?
– Mercedes Queixas (MQ): Traballar no equipo de Laiovento aprendeume a coñecer, a querer e a valorar todo o que ten a ver co proceso de edición. Desde a recepción dun orixinal até o momento da entrada recendente do primeiro volume impreso. Un proceso que, para min, aínda hoxe non perdeu boa parte da maxia que encerra. (…)
– NG: Despois chegou a docencia. Cal é o seu obxectivo no que respecta ós seus alumnos? Ata que punto pode influír un mestre na formación dos alumnos?
– MQ: O profesorado ten influído en min, especialmente na etapa do bacharelato, e posteriormente na Facultade de Filoloxía da UDC. Inconscientemente, ten contribuído para formarme, para ir construíndo un pensamento, asumir uns valores e non outros, concibir un determinado proxecto de país, etc. No meu caso, no meu labor docente, teño presente a procura de comunicación, diálogo e proximidade na relación co alumnado. Prácticas que vin levar a cabo a unha parte do meu profesorado; asemade, teimo en evitar aquilo que penso que non funcionou cando eu era estudante. Procuro que o meu alumnado consiga as competencias na materia que a lexislación impón, mais preocúpame cumprir outros obxectivos para min moi importantes como escoitar as súas preguntas, medos e incertezas. É fundamental, ao meu ver, axudarlles a analizar a realidade desde ópticas diferentes ás que reciben, dialogar con elas e eles, facelos partícipes das ensinanzas, porque sempre saben moito máis do que lles parece. Así é como eu tamén aprendo día a día e me contaxio da súa forza e enerxía. (…)
– NG: Algunha das súas obras da que estea especialmente orgullosa?
– MQ: Sentinme satisfeita co resultado de todos os traballos porque, unha vez rematados, era consciente do avance na mellora das miñas aprendizaxes, das descubertas inesperadas, da posibilidade de partillalas con aquelas persoas que se achegasen a ler. Escribir axudoume sempre a entender moito mellor o presente, a desanobelar confusións históricas que explican que este país con tantas fortalezas non poida ser dono de seu. Ora ben, non podo deixar de recoñecer un afecto moi especial polo último libro, por esta biografía da que falabamos, xa que o procedemento de escrita foi moi diferente. O tempo de conversas con Carme, recibir a súa vida tan xenerosamente, que aceptase que eu a contara, compartir cada palabra, cada experiencia, cada fotografía, cada poema… Todo isto foi unha experiencia que nunca esquecerei, e que sei que nunca lle agradecerei bastante. (…)
– NG: Ademais de filóloga, docente e escritora, é vostede tamén a Secretaria Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega. Fálenos desta asociación, da súa función e do seu obxectivo. En que consiste o labor da AELG?
– MQ: A AELG foi fundada en 1980 e reúne nesta altura máis de 430 socias e socios. Traballa para a dignificación do oficio de escritor e escritora, así como da súa promoción e das súas obras, do fomento da interconexión entre eles e da interrelación con outros profesionais, quer sexa doutras literaturas quer doutras artes en xeral. Por outra banda, preocúpase tamén pola transmisión da cadea da escrita, por ofrecer un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces. Por iso a Escola de Escritoras e Escritores da AELG organiza periodicamente, en diferentes concellos do País, obradoiros de escrita creativa, guiados polas propias escritoras e escritores, para transmitir á sociedade, e moi especialmente á mocidade, a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. Visibilización e formación serían dous eixos vertebradores do traballo da AELG que nestes anos conseguiu unha implementación social importante e necesaria como demostra o elevado volume de consulta diaria do seu web.
– NG: Xa para rematar, Mercedes, aínda que sexa unha pregunta demasiado ampla e difícil de sintetizar, seino, como valora vostede a situación da literatura galega na actualidade? Coa visión de quen a escribe, a le, a ensina, e trata ademais de defendela a través do asociacionismo…
– MQ: Eu vívoa con paixón e con moito orgullo, porque observo unha literatura que sempre foi quen de dar pasos adiante, de se superar no fondo e na forma, de construír referentes éticos para a cidadanía, de dar respostas e suscitar interrogantes ao lectorado, de gañar progresivamente lectoras e lectores cada vez máis novos e mellor formados, de contribuír a crear unha importante industria cultural galega sustentadora dun nada despreciábel capital económico e de postos de traballo para o noso País. (…)”