Entrevista a Afonso Eiré en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Eu estaba alí foi primeiro unha serie de reportaxes que se publicaron entre o 2010 e o 2011 en ANT Diario. Por que decidiu convertela nun libro?
– Afonso Eiré (AE): Logo de se publicaren estas “pequenas historias” decateime de que os traballos daban para un libro. Tiñan coherencia entre si e cubrían un oco na edición xornalística. Así que reescribín algúns textos, engadín outros e preparei unha visión persoal sobre a nosa historia recente, cun fincapé especial nos movementos sociais nos que medrou o nacionalismo galego contemporáneo.
– B: En tantos anos de carreira xornalística, vostede estivo en moitos sitios. Que criterios seguiu para incluír uns feitos e descartar outros?
– AE: Primeiro, a importancia de cada feito; a relevancia no seu momento e as consecuencias que deixou na a sociedade galega nalgún ámbito. Tamén escollín aqueles “momentos” nos que puiden alumar, con novos datos ou un enfoque distinto, o que pasou realmente. O lector non só vai poder recordar as Encrobas ou a morte de Moncho Reboiras senón tamén coñecer aspectos dos que nunca se falara. Por exemplo, no caso do Piloto dou conta do elo de continuidade entre a guerrilla galega e o novo nacionalismo que agromou a partir do 1972. Os mesmos que protexían o guerrilleiro nas aldeas protexían os militantes clandestinos. (…)”