Desde BiosBardia:
“O escritor, crítico e investigador literario Manuel Forcadela, mantén unha das páxinas web máis interesantes das dos nosos creadores. N’O Ximnasio de Academo pode lerse poesía a diario e tamén descargar o último libro do autor: Nunca se sabe.
Manuel Forcadela é un dos nomes da literatura galega que máis rápido entendeu a relación que se podía crear entre a informática e as letras. Seguindo a longa tradición das máquinas que escriben, ideou algúns programas que experimentaban sobre a poesía automática. (…)
O espazo de Forcadela na rede ten unha clara vocación literaria, concretamente poética. Aínda que moitos dos textos que aparecen son diarios de viaxe, álbumes fotográficos ou reflexións non necesariamente relativas ás letras, o corpo central, a esencia que move o Ximnasio é a poesía. Especialmente a través da creación. O escritor publica directamente textos inéditos, o que lle dá unha substancia especial ao visitante que esculque. “eu son, dixo por fin/ a escura pega ida,/ a ave que alimenta as néboas na distancia” (do poema “portrait of a lady”); “Un vintetrés de outubro, alá polo ano catro,/ Na lancha de vapor chamada María Pita/ Na grata compañía de Oxea, de Carré,/ Do outono e de Murguía,/ Manuel Curros Enríquez embarca para o ocaso” (do poema “Embarque para Citerea”).
Forcadela, tras varios anos de publicación, tivo tempo de ensaiar diferentes estilos e temas mais son varias as constantes que van discorrendo verso tras verso ano tras ano. O gusto pola palabra: a degustación do adxectivo. A voz vocativa, que envolve o lector no universo lírico, que pasa a ser así coma unha buguina na que o escritor proxecta o eco da súa intimidade.
Nas pasadas semanas, o autor deu un paso máis no seu blog poético. A publicación en liña e de balde de Nunca se sabe é unha moi boa oportunidade para aqueles interesados na poesía en achegarse ao universo de Forcadela. E a resposta lectora a este seu traballo tamén lle ha valer a el para calibrar se hai vida para a poesía fóra das canles canónicas do libro e as editoriais.