Xavier Queipo: “As novelas pídenchas desde as editoriais mais ninguén che vai preguntar por un libro de contos”

EntrevistaXavier Queipo de Carme Vidal a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cando o escritor, como explica no prólogo [de 55], fai o exercicio de recuperar obra dispersa de dúas décadas, con que se atopa?
– Xavier Queipo (XQ): En primeiro lugar, atópaste con que fuches depositando parte do teu traballo en lugares case invisíbeis. Hai relatos, poño por caso, incluídos en xornais ou mesmo nunha revista dun pub, en páxinas cunha compoñente efémera nalgúns casos ou de distribución limitada noutros. Acontece tamén coas antoloxías. Sempre enviei textos inéditos e os que se recollen no libro, ademais de textos de nova creación, quedaron aparcados e de difícil acceso para os lectores durante todo este tempo.
– SG: Trátase tamén dun agasallo ao público lector fiel que vostede ten?
– XQ: Algúns deles son completistas, como o biólogo e escritor Agustín Agra, que presentou o libro en Santiago. Ao xuntar e ordenar axuda tamén a identificar as características máis sobranceiras da traxectoria literaria. O libro está estruturado en varias seccións, e recolle desde unha visión do mundo e da diversidade cultural, até outra que se refire á “terra coñecida” que para min é Galiza e Bruxelas,ou a dos manuais de instrución, material novo que se pode incorporar a unha futura reedición do Manual de Instrucións que se publicou na colección “Ferros” no seu momento e está esgotado ademais doutras dúas seccións que completan o libro, unha con textos que apareceron en catálogos e traballos sobre personaxes que farán parte doutras obras. Dalgúns tiña só o título e algunhas liñas e agora decidín que ou se remataban ou se desbotaban. Por iso falo de “limpeza de verán”, porque é ese momento no que hai máis tempo e entras a ordenar, como facían as mulleres da casa da miña infancia. (…)
– SG: Malia iso, contra a idea que pode dar esa explicación de recuperación de escritos dispersos, semella que para vostede estes textos narrativos non son obra menor. De feito, nos seus inicios literarios a presenza do relato e do texto breve é moi relevante, máis intensa que na súa traxectoria posterior.
– XQ: As novelas pídenchas. Os propios editores interésanse por se tes algunha sen publicar. Ninguén che vai preguntar por un libro de contos. Por cuestións que non se entenden teñen menos saída. Esta situación non ten que ver coa nosa tradición, con exemplos como Fole, Dieste ou Cunqueiro, nin co modelo de vida actual para o que se adaptan máis os contos ou os textos narrativos breves. Semella que teñen menos prestixio no noso sistema literario. Contra o que aconteceu en Arxentina ou Francia, a tendencia aquí foi escribir bloques de formigón coa idea de ter un sistema literario normalizado. Deses tixolos hai algúns bos mais outros ben poderían ser utilizados como barricadas.
– SG: Defende as capacidades literarias do xénero?
– XQ: A poesía e o texto curto son exercicios de síntese que se conseguen cando tes dominio da linguaxe e do equilibrio, onde podes eliminar o superfluo e traballar con economía de medios. Non é unha literatura de segunda. O exorcicio de síntese é de madurez. (…)”