Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) tivo dende novo unha querenza polo noso que o levou a escribir poemas e artigos en galego que alternou coa escrita en castelán. Nesta última lingua chegou a ser unha das figuras cimeiras da literatura arxentina, o que non o privou de se converter nunha voz de interese certo nas nosas letras do tempo das Irmandades e a República, mesmo na de despois, pois tamén na Posguerra contactou co grupo Galaxia e deixou escritos de tema galego en diversos libros. (…)
Velaquí deixo o testemuño dese afecto cruzado na dedicatoria do exemplar de Alcándara (1925), publicado en Buenos Aires e asinado para o ‘hirmán’ Blanco-Amor, coa inequívoca cruz de Santiago ao pé, símbolo dunha galeguidade compartida da que nunca abdicou.”