Entrevista de Carme Vidal a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A personalización, a evocación ou o coidado da escrita levan a situar Lugo. A cidade dos tesouros encantados no andel das súas obras narrativas?
– Lois Diéguez (LD): Explicar unha cidade e verlle os seus segredos é moi mecánico. Eu non quería que isto fose unha relación de enderezos, restaurantes, descricións de monumentos e personaxes históricas. Buscaba manter o atractivo literario dunha historia, dun conto, e ao mesmo tempo introducir non só os monumentos e personaxes importantes, senón aqueles outros humildes que lle dan personalidade. Un obreiro da construción, unha mestra, o toliño da cidade, ese obxecto artístico que está nun lugar agochado, a alfaia do século III agochada entre pedras… Mesturar todo este tipo de elementos levados por guías que non foran propiamente humanos, senón elementos humanizados foi o punto de partida da obra. Tentei buscar o corazón de Lugo de forma fermosa, en diálogo co lector ou a lectora. (…)
– SG: En especial desde a súa intensa actividade no asociacionismo cultural, vostede sempre defendeu a necesidade de conservar e valorar o patrimonio. Esa vontade toma parte tamén da elaboración do libro?
– LD: Non aprezar as xoias e os tesouros que temos non deixa de ser unha tacha da nosa formación, non aprezalos ou non sabelos aprezar, mover os ollos para valorar tanta riqueza. O libro quere mostrar eses tesouros e chegar ao corazón das cousas. Algunha xente que o leu e que ten relación coa cidade di unha frase que xa escoitei moitas veces neste tempo de presentación do libro: “Eu que pensaba que coñecía a cidade e levei unha sorpresa!”. Persoas que coñecen Lugo como a súa casa quedaron cos ollos abertos e iso precisamente é o que quería, darlle ese sentido de amor, de orgullo, que se ten que vivir coa lectura do libro. Unha vez se é consciente disto temos gañado moitas batallas no sentido do patrimonio material ou inmaterial. Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices. Tamén é preciso coñecer o que se destruíu, ser conscientes do que se desfixo porque así nos decataremos de que podería ser doutro xeito.
– SG: Que lugar merecen os libros de viaxes na súa obra?
– LD: En todo o traballo que levo feito, a viaxe e o encanto son elementos moi importantes. A viaxe sempre axuda a coñecer cousas, se se fai con humildade e ánimo de coñecemento sempre se van atopar novidades de grande interese. Esa experiencia dáche un punto para coñecerte a ti mesmo e a túa colectividade. Neste caso, na viaxe a Lugo a cidade pasa a ser personaxe, humanizada. Agora quero comezar a traballar cos dezasete lugares encantados do mundo e xa os teño seleccionados. Espazos con moita humildade, que non son grandes monumentos, mais que transmiten unha sensación especial ao viaxeiro que os vive. Contaxiar esa emoción diferente que se pode gozar diante das cousas é o que intento. (…)”