Fran P. Lorenzo: “Achegueime á novela rosa pola súa condición popular e para relatar unha historia de amor homosexual””

EntrevistaFran P. Lorenzo a Fran P. Lorenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cabalos e lobos responde á profecía cumprida? É dicir, en certa medida parecía agardarse que nalgún momento vostede se descubrise como escritor…
– Fran P. Lorenzo (FPL): Existía esa percepción porque levo moitos anos dedicándome ao oficio da escrita na prensa e, polo tipo de información que fixen, polas persoas ás que entrevistei e polos temas que tratei podíase intuír unha certa preocupación literaria. Iso mesmo ao que te refires percibiuno xente coa que traballei e tamén que me lía. Por outra parte, cando comecei a escribir o blogue notábase tamén que os temas respondían a unha preocupación literaria, no tratamento que lle daba podíase intuír que tiña a teima de escribir, que me viña xa desde sempre. O xornalismo, en certa maneira, era o oficio que me permitía estar máis apegado a aquela idea, á escrita. Desde neno soñaba con ser escritor e facía poesía. En certo xeito, esta novela cumpre esa dupla expectativa, a que había ao arredor e a miña propia. Desde neno agardaba que isto pasaba mais tamén sabía que hai cousas que non podes escribir ate certo momento. Foi, por así dicilo, un proceso demorado de decantación.
– SG: A súa escrita coñecíase polo seu traballo xornalístico e polo blogue Un país en lata, a novela vai sorprender aos lectores?
– FPL: Agardo que si. Non é a novela que se agarda do autor de Un país en lata. Tiven, desde o inicio, vontade de non duplicar o estilo. Na escrita literaria predominou a preocupación por ser depurado, por ir máis ao gran. Na escrita para o blogue son máis barroco, talvez máis elaborado tamén. Na novela tiven a pretensión dunha escrita que fluíse moito, moi accesíbel, que se lese moi ben. Quería que puidese acceder a ela a maior parte da xente, que fose un estilo diáfano, sen interrupcións. Iso vai sorprender ao lector habitual. As preocupacións, as obsesións mesmo están aí. A memoria, a cidade como espazo, a defensa da liberdade e a denuncia da censura e a represión transitan a novela e tamén presiden as temáticas do blogue mais a escrita é ben distinta. (…)”