Entrevista con Miguel Anxo Fernández arredor de O espido de Gina

EntrevistaMiguel Anxo Fernández a Miguel Anxo Fernández en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Tras o éxito dos libros protagonizados polo seu detective Frank Soutelo rompe agora, con O espido de Gina, esa liña de novela negra para propoñer aos lectores unha historia sobre o mundo do cinema. Un mundo, por outra banda, moi vencellado ao seu labor profesional.
– Miguel Anxo Fernández (MAF): É evidente que hai unha procura de querer descolgarte un pouco do que é o personaxe de Frank, protagonista dos meus últimos libros; pero tamén é certo que levo escribindo e reescribindo O espido de Gina dende hai xa dez anos. A orixe desta novela atopámola nun relato longo escrito para o libro Capitol, última sesión. Carlos Lema, o meu editor, convidoume a deixar ese relato fora de Capitol e publicalo como unha novela curta. Polo medio cruzáronse os libros de Frank Soutelo mentres que O espido de Gina foi medrando aos poucos.
Co paso destes anos teño para min que Lema acertou ao me indicar que vía nesta historia unha novela. (…)
– FL: A conexión entre a súa literatura co mundo do cinema. Velaí están capítulos xeralmente curtos, conectados uns cos outros como se fosen secuencias cinematográficas e que permiten ao lector engancharse á historia dun xeito rápido.
– MAF: Á hora de narrar eu reflicto o que vivín e o que vivo. O meu obxectivo, cando escribo, é comunicarme cos demais. Se non o consigo para min é un fracaso. Esta afirmación pode causar controversia, e alguén pode vir e dicirme: “Ti escribes o que a xente quere ler”. Non. Eu como narrador quero acadar e plasmar as claves necesarias para que o lector se enganche á miña historia, sexa logo esta a historia que sexa.
Se eu escollo para O espido de Gina o mundo do cinema é porque levo vendo filmes dende os cinco anos. Iso, dun xeito máis ou menos consciente, condiciona o teu pensamento e a túa forma de contar. Eu sei que internamente, cando escribo, o que fago é narrar e montar; outras veces -isto dun xeito case que inconsciente- cando falo dalgunha novela miña, falo dos capítulos como se fosen secuencias. Todo iso ven influenciado por ese mundo do cinema ao que estou tan exposto. (…)”