Manuel Rei Romeu: “O A Fondo sobre A Esmorga aborda as claves para entender mellor a novela e o filme”

EntrevistaManuel Rei Romeu a Manuel Rei Romeu en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que diferenza hai entre ler A Esmorga e ver A Esmorga?
– Manuel Rei Romeu (MRR): A Esmorga é un clásico, unha obra de arte, e como toda obra de arte ten moitas lecturas posíbeis, superficiais e máis profundas. Eu percibín algunha incomprensión sobre todo nos adolescentes que foron ver a película, e esas pequenas lagoas cóbrense moi ben lendo a novela. Aínda que eu entendo que a película é autosuficiente por si, non precisa máis texto. A Esmorga ten unha profundidade humana moi grande en canto a sentimentos, a tenrura, a todo, e a película ten outras moitas outras cousas que complementan a novela. A partir de agora case concibo indisolublemente a novela e a película. Recomendarei sempre ler A Esmorga e ver despois A Esmorga. (…)
– SG: Falas da profundidade das relacións humanas e iso tamén se aborda neste A Fondo. Un dos artigos, o de Paco Rodríguez, fala sobre todo dos problemas das identidades sexuais á marxe…
– MRR: Eu creo que Blanco Amor non actuou por capricho. Blanco Amor era moi consciente de estar elixindo tres individuos que, sendo galegos, representaban tres condutas, tres tipos de afectividades diferentes, con todas as súas problemáticas e con todos os seus medos por cuestións de represión social. El optaba por converter a novela en algo universal. Iso fai que a novela sexa moito máis atractiva para todo o mundo, porque todo o mundo pode ver seguramente reflectida a súa sexualidade ou as súas tendencias afectivas. Ignacio Vilar captou moi ben a mensaxe e fixo un esforzo moi grande á hora de reflectilo nas relacións dos tres personaxes entre si, e non debeu ser un labor de poucos días recoller todas as matizacións que poden ter relacións tan complicadas. (…)”