Ars dedicandi: Álvaro Cunqueiro

DesdeÁlvaro Cunqueiro o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van aló cento e tres anos máis do nacemento de Álvaro Cunqueiro, que viña ao mundo un 22 de decembro no número 1 da rúa Méndez Núñez de Mondoñedo, fronte por fronte da secular fonte que hoxe leva o seu nome, pé e lateral da catedral da cidade.
As amizades dos Cunqueiro foron entrañadas. Unha das máis firmes uniunos á familia formada por Alicia Tella-Villamarín e Juan Puchades. A primeira, afillada do afamado xornalista José Ramón Villamarín Pallín (Pol, Lugo, 1882-Mondoñedo, 1967), medrou pasando as tardes na casa dos Cunqueiro e foi grande amiga de todos eles, tanto de Pepe e Carmiña coma de seu irmán Álvaro. O segundo inmortalizou o escritor en bronce e sentouno na cabeceira da Praza da Catedral facendo que ollase, xa para sempre, o seu benamado Bosque de Silva, que tanto había ter que ver coa nacenza da imaxinaria Miranda.
Nesta dedicatoria inédita do célebre Escola de menciñeiros (1960), sobria e breve, como practicamente todas as do autor, vai de seu o afecto que este lles profesaba. Quen repase a fotobiografía de Cunqueiro descubrirá axiña que nunha das súas derradeiras instantáneas figura acompañado de, entre outros, estes dous moi queridos amigos. Xusto é que, neste seu novo natalicio, fique constancia dese afecto.”

ars-dedicandi-cunqueiro-alicia-juan