Entrevista de Belén Puñal a Antón Gómez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi esa volta a Galiza e a Vigo, ti xa como cura obreiro?
– Antón Gómez (AG): Como cura obreiro, estiven 17 anos traballando nunha empresa en quendas de mañá, tarde e noite. Francisco Carballo, aos 48 anos, xa non estaba para ir ao mundo obreiro. Despedíronme, sancionáronme, detivéronme, como a calquera cura obreiro. Houbo un tempo no que eu estaba máis dedicado ao sindicatos obreiros e el ao mundo sindical do ensino e a actividades culturais. Nese tempo tivemos menos contacto pero seguimos mantendo esa relación até que morreu.
– SG: Sospeito que o perfil do cura de esquerdas e nacionalista, é bastante incomprendido…
– AG: Si. Hai un anticlericalismo extremolaicista que considera que todos os cristiáns son iguais, e non. Eu penso que o evanxeo está máis cerca da esquerda ca da dereita. Coido que un cristián comprometido ten que implicarse tamén politicamente. Paco tíñao moi claro e eu tamén, e o papa vai por aí.
– SG: A morte de Paco Carballo deixouvos, nese sentido, un pouco máis sós.
– AG: Si, en Galiza Paco Carballo era unha institución. A todos os niveis. El era capaz de escoitar a todo o mundo, de dialogar con todo o mundo. Tiña unas bases históricas moi elaboradas. Co que deixou escrito temos unha pequena biblia. O que sabía, sabíao transmitir, facíase escoitar, e era acolledor. Era un home entregado, nunca pretendeu nin carreiras nin honores, senón ser unha persoa normal, cando como historiador e teólogo podía falar de ti a ti con calquera porque estaba ao día en todas as correntes. Aínda que nunca se dixo que era teólogo da liberación, a súa liña ía pola teoloxía da liberación. (…)”