Desde Galaxia:
“Nun salón ateigado con case medio cento de mozos e mozas do Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, o xoves 5 de febreiro, ás doce da mañá, na Casa Galega da Cultura, tivo lugar un acto académico-escolar organizado pola Fundación Penzol para conmemorar o centenario do nacemento de Xosé Mª Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985).
No mesmo contouse coa colaboración e presenza de tres dos seus fillos: Xosé Mª, que fixo unha breve semblanza do pai e mais da súa obra; Alfonso, autor dunha cronobiografía do homenaxeado que se repartiu ao remate, e Berta, que agasallou aos asistentes cunha serie de poemas do escritor ilustrados por ela. Pola súa banda, o alumnado do Departamento de Música do citado centro, Alexandre Bóveda, pechou o acto interpretando tres fermosas cancións compostas por eles e baseadas en senllos poemas de Álvarez Blázquez. Antes, o alcalde de Vigo Abel Caballero, que asistiu acompañado de tres dos seus concelleiros, glosou brevemente a figura do egrexio galeguista, e puxo en valor a súa relación e querencia pola cidade olívica, na que viviu durante moitos anos ata o seu falecemento, e da que foi Cronista Oficial.
Como complemento a este acto, nunha pequena exposición podían verse e consultarse unha ampla selección de libros da autoría de Álvarez Blázquez, así como outros sobre el, editados maiormente no 2008, co gallo do seu nomeamento como persoeiro do Día das Letras Galegas. Os tres expositores das paredes amosaban material documental vario dos ricos e importantes fondos doados á Penzol no 2012 polos seus heredeiros.
A imaxe que acompaña este artigo é de Noel Queipo.”