Ars dedicandi: Manuel Lugrís Freire

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 12 de febreiro de 1863 naceu en Sada Manuel Lugrís Freire. Dramaturgo e ensaísta, foi tamén un afecto cultivador da poesía, que prodigou en libros como Soidades (1894), Noitebras (1901), Versos de loita (1919) ou As Mariñas de Sada (1928).
Como lembradoiro ao seu natalicio, recupero unha dedicatoria estampada no poemario Ardencias, volume que publicaran os irmáns Zincke na Coruña en 1927. O libro levaba xa unha outra dedicatoria impresa que explica o título e intención da obra: “Para a xenerosa e ben encamiñada mocedade galega, que mantén acesas no corazón as ardencias pola nobre causa do noso rexurdimento, escritos foron estes versos, derradeiras e humildosas flores do meu xardín inzado de ilusiós e de esperanzas”.
Non mozo, pero si persoa de corazón cheo de “ardencias pola nobre causa”, Antonio Couceiro Freijomil foi o recipendiario da dedicatoria autógrafa que reproduzo, quen xa se significara a prol da causa galeguista e era, polo mesmo, un irmán en ideais.
Máis de século e medio despois do seu nacemento, ben está recordar a quen foi en tempos da República presidente da RAG e facelo significando un libro no que a infancia sadense e a paisaxe mariña agroman entre as lendas de Brigo e as Mareiras varias.”

ars-dedicandi-lugris