Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Supón para min redactar este apuntamento unha auténtica regalía. Desde hai algún tempo percibía que Manuel Lueiro Rey debería gozar dunha maior visibilidade como escritor e que este proceso cumpría que se vehiculizase -aínda que non só- na rede. Nada mellor, pois, que idear unha web de carácter divulgativo que, a carón da información básica sobre o autor, recollese a actualidade que o autor, vinte e cinco anos desde o seu pasamento, aínda xera a día de hoxe Por outro lado, talvez, ninguén mellor que Carmen Carreiro para materializar esta idea, pois alén do seu traballo fundamental e da paixón que sempre depositou no labor de popularización de Lueiro, soubo acompañarse de persoas como Daniel Ferreiro -que realizou un magnífico traballo no que ao deseño e cuestión técnicas da web se refire- e, ao que sei, contou tamén coa colaboración da familia do escritor, que forneceu numeroso material gráfico, audiovisual e documental para este proxecto.
O resultado final, ao meu ver, merece todas as gabanzas. Convido, pois, a coñecer esta web premendo aquí, que incorpora numerosos e completos contidos de carácter biográfico e literario, bibliografía, noticias sobre os Premios Lueiro, un suxestivo arquivo audiovisual e un marabilloso álbum fotográfico, completándose tamén cunha sección de actualidade arredor do autor que, para os que acreditamos na “causa Lueiro“, será de consulta obrigada. (…)”