Texto de Ramón Nicolás na presentación de Nomes, de X. C. Domínguez Alberte

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O pasado sábado día 4 de setembro, no campo do Roucón (Escudeiros) presentei o volume Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Deixo aquí a miña intervención.

Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola palabra, por un novo libro do noso veciño e amigo Xoán Carlos. Non pode haber, probablemente, mellor sitio para presentalo ca este porque, como é un lugar común, todo -ou case todo- o que escribe Xoán Carlos, está inspirado neste lugar, transloce esta realidade singular que ben coñecemos e, ademais, non me cabe dúbida ningunha de que o libro, malia estar dirixido ou pensado talvez como versos para infancia, está escrito para todos nós, teñamos a idade que teñamos. Quero, daquela, agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción e responsabilidade por ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares nesta presentación.
Nomes, este é o título do que libro que aquí nos xunta, editado por Galaxia cun fermoso e suxestivo corpus de ilustracións a cargo de Ana G. Buhigas. Dixen nunha ocasión, e reitéroo agora, que Xoán Carlos é unha persoa xenerosa, especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre e, ao tempo, é quen de transformar en discurso poético, isto é, decodifica en palabras, aquilo no que pon a súa ollada. En Nomes, malia que, en aparencia, estea incluído nunha serie de poesía para primeiros e primeiras lectoras, expón unha lectura na que hai un palmario desexo de reivindicación que establece desde a instancia dos “nomes”. Os nomes, como se sabe, identifícannos, fannos recoñecibles, outórgannos un sentido e un sentimento de colectividade e de identidade. Na liña dos seus precedentes Versos para conversar e Soneto no alfabeto, Xoán Carlos, nesta ocasión, obríganos a mirar a nosa realidade e a nosa contorna depositando especial atención nos topónimos, isto é, aos nomes de lugar. E non a unha toponimia calquera, senón á nosa, á que nos resulta familiar e próxima -como metáfora, sen dúbida, da toponimia galega en xeral-. A toponimia que recrea Xoán Carlos aquí ten un valor esencial: permite que nos sintamos afectivamente unidos, recoñecidos mesmo, na eufonía, nos sons que emitimos cando pronunciamos e, así, revivimos xa non só o lugar de cada topónimo senón a propia historia que atesoura. Tamén nos fai pensar este libro, por extensión, na deturpación que ás veces que se fai deles e nese esquecemento que deles se fai, probablemente non aquí, pero si noutros lugares onde a microtoponimia é a solución acaída e xusta para espazos que son transformados polas esixencias dos novos tempos, pero iso xa é fariña doutro saco.
Os que ensinamos, como podemos, literatura, transmitimos aos discentes un concepto que é o dos paratextos, isto é, todos aqueles elementos que, antes da lectura, posibilitan -se os ollamos con atención- dispormos de pistas para interpretar o que vén despois. No meu caso atendo tamén aos detalles das ilustracións, se as hai, e aquí hainas. Velaí, na cuberta, nesta interpretación acaída de Ana Buhigas, unha nena ou neno -tanto ten- acompañada dunha moza, unha fada de guedellas louras, que entendemos doadamente como unha fada polo peite que terma da man e que dirixe a nosa lectura á Peneda da Moura talvez; o neno ou nena que a acompaña ten un lapis, co que pinta palabras e deixa voar a imaxinación. O libro ten moito diso: atrapar as palabras e atender, tamén, ao marabilloso que nos rodea. Aínda hai máis nese paratexto: velaí topónimos cargados de significado para os que aquí estamos inseridos nunha segunda ilustración –O Ollo de Cabra, A Lavandeira, Arnoia, Figueiras– que son os camiños –algúns– dunha encrucillada cuxas direccións se nos convida a percorrer. Aínda hai máis: velaí a dedicatoria a Minia e Celtia, fillas do autor, probablemente nas que pensa Xoán Carlos ao escribir e aquelas que son as primeiras que escoitan os poemas porque, paréceme, son estes escritos especialmente para elas e a elas déixalle escrito: “tantas voces / tantas veces / en cada ollar / de herba e terra”. Aínda, previo ao seu primeiro poema, Xoán Carlos deixa escrito, abaixo, unha fermosa cita poética de Rosalía “unha herbiña que distraia a mirada” e que tan fransciscana e significativa tamén ao apuntar esa paisaxe natural que obxectiva coas súas palabras. É a unión coa tradición poética galega que tamén incorpora referencias e dialoga con Novoneyra, Manuel María, Cunqueiro ou Fole.
De todo isto, de reivindicación, de paisaxe, da forza que agochan os noso nomes hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, sinestesias, xoga co fonosimbolismo que é xa un trazo caracterizador da súa obra. Cunha lingua rica e vizosa reconstrúe un mapa, que é o noso; realiza unha cartografía a través dos nomes que van da Cabrancada a A Abilleira, do Arnoia ao Abalaire, da Peneda da Moura á Corga de Filgueiró, da Levada á Auseira e descifra, en silencio e só con nomealos, os segredos e a historia que agochan eses lugares. Libro riquísimo tamén en referencias do mundo da fauna e da flora, que revela e pon en valor todo o que de telúrico hai neste territorio do que os topónimos encerran a súa memoria, mais tamén de vivido e sentido nos lugares que pisamos e andamos.
Convídovos, finalmente, a que vos fagades con este Nomes e a que disfrutedes coa súa lectura: un libro do noso veciño que, non teño dúbidas, tamén o escribiu para nós.”

Carta de Carvalho Calero a Celso Emilio Ferreiro

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Dun ou doutro xeito Celso Emilio Ferreiro, no ano 1956, esténdelle como mediador unha invitación para a publicación dun libro de poesía na colección “Juan Rodríguez del Padrón”, que ideara Camilo José Cela para orixinais poéticos en galego. En novembro desde ano agradece que o seu Salterio de Fingoy fose aceptado mais pouco despois -carta superior- e “lonxe do mundanal bruído” confirma a recepción tanto dun “nadal” como dunha separata da revista Papeles de Son Armadáns (probablemente co poema “O tempo solprendido”) mais, sobre todo, inquíreo sobre o retraso nas datas de publicación do seu libro. A inviabilidade do proxecto determinou que só vería a luz, finalmente, no ano 1961 na colección Salnés de poesía na que tamén desempeñaba funcións de codirector o propio Celso Emilio.
Dez anos despois do falecemento de Celso Emilio, entendo que Carvalho lle rende ao autor de Longa noite de pedra un tributo que os une no substancial. Na publicación Voz y voto (Edicións Patronato Curros Enríquez) participa co poema “Arredor de si” dedicado “A C.E.F., in memoriam”. Unha conmovedora e dura composición, logo incluída na sección homónima de Reticências (1990) baixo o título de “Como pudemos”, na que subxace unha conexión vital e xeracional con Celso Emilio, inquiríndose sobre as dificultades dunha vida compartida nunha atmosfera tan frustrante e afastada dos ideais de mocidade que, malia todo, compartiron. (…)”

Cuestionario Proust: Luz Darriba

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luz Darriba:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade por todo, a necesidade incansábel de aprender; podería dicirse que é unha obsesión. Son unha obsesiva.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Cando era nova tiña unha atracción enorme pola intelixencia das persoas. Logo souben que hai moitos tipos de intelixencias. Coa madureza aprendín que a bondade é o máis atractivo dxs seres humanxs. E a máis linda forma da intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Eu son, en boa medida, grazas a elas; as miñas amigas e amigos. Xente boa e xenerosa da que só poder agardar cousas boas. Que vivan moitos anos.
4.– A súa principal eiva?
– Unha soa? Son moi esixente para comigo mesma e para cxs demais. Ademais teño o costume de dicir o que eu creo que é a verdade, neste mundo cheo de hipocrisía, e cando ninguén mo pregunta.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler. Eu son sobre todas as cousas unha lectora. Miña filla maior lembra que lle dixen sendo ela ben pequena, que a vida era dabondo curta para tanto como había que ler. Son unha adicta á letra impresa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Nas clases de francés, sendo nena, aprendín un poema que dicía: Le bonheur est dans le pré / Cours-y vite, cours-y vite / Le bonheur est dans le pré / cours-y vite. Il va filer / Si tu veux le rattraper/, cours-y vite, cours-y vite / Si tu veux le rattraper / cours-y vite. Il va filer. Logo segue; seino de memoria. O que vén dicir é que a felicidade é algo inalcanzábel. Cando estas a piques de collela vaise. Lémbroo porque despois de tanta vida entendín a sabedoría do poema. A felicidade é tan efémera que apenas nos decatamos cando somos felices; co percorrer da vida volvemos unha e outra vez a eses momentos. Estou a falar da felicidade suprema, cando sentes que voas por riba do mundo. Eses estados, para min, están relacionados coas primeiras etapas do namoramento. Logo, por sorte, hai moitas sensacións satisfactorias e duradeiras. Non esa felicidade tola e salvaxe da comuñón plena con outro ser humano, mais estados de enerxía positiva. As conversas e os xogos coas fillas, coas netas, coas amigas, o compartiren proxectos con xente nutritiva, os momentos da creación. A vida ten moitos, por sorte, substitutos da felicidade: a tranquilidade, a harmonía, a conciencia limpa e tranquila. A vida é moito.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lles pasase algo grave ás miñas fillas ou ás miñas netas. Algo no que non podo nin pensar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesma, o que fixen na vida, tendo a posibilidade de ir arranxando as cousas mal feitas (moitas…).
9.– En que país desexaría vivir?
– Teño varias matrias. En todas elas síntome na casa. Galiza é unha delas. Gustaríame ter a posibilidade de estar un tempo en cada matria, porque unhas non se comprenden sen as outras.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello do sangue. E todas as variedades do vermello. En pintura o vermello de cadmio que levou á gloria a paleta de Matisse.
11.– A flor que máis lle gusta?
Al este y al oeste / llueve y lloverá / una flor y otra flor celeste / del jacarandá (María Elena Walsh). As flores de color entre lila e celeste dos xacarandás que tapizan as rúas dos parques, na primavera do hemisferio sur, e as enchen de arume, como o seu nome en guaraní o indica.
12.– O paxaro que prefire?
– O gorrión ou pardal. Libre e máis listo cá fame. Identificábame, de moi nova, coa canción de Serrat Como un gorrión.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño moitas. Son fan de lonxe de Marguerite Yourcenar, recordo anacos exactos de Memorias de Adriano, mais tamén adoro case que todo o que escribiu Julio Cortázar. Nos últimos tempos incorporei moitas narradoras novas ás miñas devocións, e por poñer só unha, en castelán, a arxentina Gabriela Cabezón Cámara. Un antes e un despois na narrativa contemporánea, ao meu ver. En galego: Susana Sánchez Aríns (Seique), Eli Ríos (Luns), Emma Pedreira (Besta do seu sangue), fascínanme. Pero hai moitas, por sorte, moitas máis.
14.– E na poesía?
– Outra elección difícil. Vou dicir dúas, sabendo que poderían ser ducias (tamén por sorte): a arxentina Alejandra Pizarnik e a uruguaia Marossa di Giorgio. Da casa gústanme todas. Sen excepcións.
15.– Un libro?
– Pois de novo Memorias de Adriano, cara atrás, e As aventuras da China Iron, de Gabriela Cabezón Cámara hoxe. En galego os que mencionei máis arriba, mais poderían ser tantos…
16.– Un heroe de ficción?
– Robin dos bosques.
17.– Unha heroína?
– Dúas. Sherezade e a fada Morgana.
18.– A súa música favorita?
– Sen música non hai vida. É o mellor invento da raza humana. Gústame case todo. O case nada que non soporto é o reggaeton e cousas afíns. Por afinar eu mesma, moita da música dos 70, e se teño que decidir, quedo coa Raíña (Queen). En outros estados anímicos podo escoitar horas a Jorge Drexler, Franco Battiato, Loreena Mckennitt, Nina Simone, Elis Regina, Guadi Galego… E cando me quero concentrar poño ao señor Xoán Sebastián (Bach).
19.– Na pintura?
– Variei moitos os gustos co paso do tempo. Agora, se de pintura falamos, diría que Remedios Varo, Leonora Carrington. Maruja Mallo. Máis contemporáneas: Diana Dowek, Marcia Schvartz (arxentinas). Se falamos das artes visuais contemporáneas, a artista (artistas homes e mulleres) máis novidosa, completa e extraordinaria do século XX é Louise Bourgois, para min. Da casa, gusto moito do traballo de Mónica Alonso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, sen dúbida. Entre milleiros de cousas, meteunos nun barco de contrabando as tres fillas (e ela) para liscarmos da Galicia en branco e negro do 63. E tamén non podo deixar de nomear as Nais e as Avoas de Praza de Maio. Un exemplo de bravura e loita para o mundo.
21.– O seu nome favorito?
– Clara. Queda feo que poña Luz, non?
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Teño pouca paciencia e non son nada tolerante. Por poñer un: a impuntualidade. Fala dunha persoa a que non lle importa ren do tempo e os intereses dxs demais.
23.– O que máis odia?
– Non se me dá ben odiar, son preguiceira… Mais se teño que subliñar algo direi a traizón (que un traidor puede más que unos cuantos/ que esos cuantos no lo olviden fácilmente, León Gieco). E xa máis especificamente a traizón aos ideais, á clase social de pertenza, á amizade, a confianza. Non hai nada peor que un/ha traidxr. É un ser desprezábel porque dinamita algo que custa tanto gañar: a confianza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tamén teño unha ringleira delas. Por poñer dous de mostra direi Franco e Videla. Son nomes que non necesitan aclaracións.
25.– Un feito militar que admire?
– O militar non me provoca ningunha admiración, mais non podo deixar de nomear uns militares que fixeron honra do seu uniforme: os capitáns de Abril. E o feito, claro, A revolución dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Moitos… por poñer un a paciencia e a tolerancia con segundo que cousas. Cheguei tarde ao reparto das dúas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– O máis lonxe posíbel deste día, consciente, rodeada da miña tribo, na miña casa e cun concerto de música dos 70. Que soase, por exemplo, como banda sonora final Somebody to love… Por pedir que non quede.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría melancólica. Ou a melancolía alegre. Si, xa sei que son contraditorios…
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que deveñen da propia torpeza, os que non danan xs demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Navegar é necesario, vivir non é necesario. Dende que escoitei o tema de Caetano Veloso, que fixo tras saír do cárcere no 69, amei a canción e a música brasileira. Eu tiña 15 anos. Mais xa era antes fan da frase que ocupaba cabeceiras no histórico Semanario Marcha, de Montevideo. Toda unha vida…”

Cuestionario Proust: Elba Pedrosa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elba Pedrosa:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Son persoa sociábel, as máis das veces alegre. Sempre lembro cando me dixeron que tamén un chisco tola. Gustoume moito.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade, que vén sendo ausencia de egoísmo. Tamén a sinceridade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amor, que abrangue moitas cousas.
4.– A súa principal eiva?
-A impaciencia, entre outras. E neste oficio, pouco se fai sen paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Vou dicir varias, son un pouco fuxefuxe tamén… Ler ao carón da cheminea, pasear pola praia, cociñar lambetadas. E escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Perderme soa nunha cidade descoñecida e fisgar todo o que me dea tempo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Prefiro non amentala, non vaia ser o demo…
8.– Que lle gustaría ser?
-De maior? Escritora e actriz.
9.– En que país desexaría vivir?
-Gústame este para quedar. E poder liscar cando me pete mesmo a Portugal. Pero liscar de cando en vez.
10.– A súa cor favorita?
-A negra. Cada día máis a cor negra.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Tiña máis dúbidas coa cor… Eu sonche moito de mimosas de campo, fanme lembrar de cousas fermosas.
12.– O paxaro que prefire?
-Os de ferro son dos que máis gosto. Dos outros, as garzas de pés amarelos que vexo na Foz do Miñor.
13.– A súa devoción na prosa?
-Adoro a Zweig. Tamén Kundera, Almudena Grandes, Rosa Montero. E moitos autores galegos contemporáneos: Inma López Silva, Antón Riveiro, Suso de Toro
14.– E na poesía?
-Whitman, Pessoa. A que leo de Ismael Ramos, Claudia Castro. E moita que me queda por ler…
15.– Un libro?
-Sempre anda aí a voltas… Una música constante, de Seth.
16.– Un heroe de ficción?
-Eu marcharía con Supermán. Penso que é dos voan máis lonxe, non si?
17.– Unha heroína?
-Marie Curie, entre moitísimas. Engaioloume a orixinal achega que fai dela Rosa Montero, no seu A ridícula idea de non volver verte.
18.– A súa música favorita?
-A que me pon a pel de galiña, que é case que toda. Dende Bach e Schubert ata, por exemplo, Sting, Amy Whitehouse ou Carlos Núñez, Guadi Galego coas súas Matriarcas.
19.– Na pintura?
-Fago escolma de cousas ben afastadas: esas inquedanzas que provoca Hopper, as bailarinas sen alma de Degas, as olladas curiosas das mulleres de Vermeer, ou a retranca (neoiorquina) de Rockwell. Tamén o pintor vigués da capa da miña novela en galego, Jorge Alonso!
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A muller que loita cada día por acadar a súa esencia e, ao tempo, leva silandeira unha chea de cargas no lombo.
21.– O seu nome favorito?
-Os das persoas que quero.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Para algúns iso da envexa é máis ca un hábito. Non o aturo. Penso que se estamos aquí, será para facer algo positivo entre todas as persoas, mais seica ando errada.
23.– O que máis odia?
-Ademais da envexa, e da falta de profesionalidade, tamén lle teño un pouco xenreira ao médico que non me deixa tomar lambetadas. Ata o punto de odiar, tampouco.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Isto para min é coma as posíbeis desgrazas, perfiro nin amentalas. Aprecio ningún para os que sementan o odio.
25.– Un feito militar que admire?
-Encantaríame que non fosen necesarios nin os militares nin os seus feitos. Creo nas verbas, na conciliación sen o emprego da forza.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Moitas veces penso que a insensibilidade, por iso de non padecer tanto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Desta non mirei as respostas dos compañeiros, ha, ha! Teño moi claro que quero morrer sen darme de conta. Zas!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O optimismo, a alegría, aínda que non estea nada doada a cousa, e o da falla de liberdade desta situación de confinamento lévoa moi mal.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Sempre que hai un arrepentimento verdadeiro, para min hai sempre perdón.
30.– Un lema na súa vida?
-Tempo é cambio.”

Cuestionario Proust: Amador Castro Moure

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Amador Castro Moure:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A miña nai sempre me dicía «é que non tes carácter ningún», no sentido de que non tiña malicia. Non sei se iso responde a pregunta. A inxenuidade?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Unha cervexa. Ou dúas.
4.– A súa principal eiva?
– A inconstancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Cociñar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Partillar, coa miña querida, unhas croquetas de luras na súa tinta á beira do mar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que un fillo meu marchase antes ca min.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor. Xa de moi neno o dicía cando me facían esa mesma pregunta. A alternativa era ser piloto de fórmula un.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza ecolóxica e sen complexos.
10.– A súa cor favorita?
– A ausencia de cor.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As orquídeas. Tan suxestivas. Tan diversas.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Boris Vian.
14.– E na poesía?
– Bukowski.
15.– Un libro?
El túnel.
16.– Un heroe de ficción?
– Lee Anderson.
17.– Unha heroína?
– Pippi Längstrump.
18.– A súa música favorita?
– Coa idade voume apazugando. Gozo con música clásica e melódica do século pasado, coma Pixies, dEus, NiN, The Prodigy… Tamén rap en pequenas doses: Wöyza, Ezetaerre, Glitchgirl (que á parte do rap, sería tamén o nexo galego cos Prodigy)… Escoito case de todo (menos Jazz).
19.– Na pintura?
– Hieronymus Bosch, Castelao, H. R. Giger, Anxo Baranga, William Turner…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– O meu pai e a miña nai. Dúas vidas verdadeiramente heroicas.
21.– O seu nome favorito?
– Gemma.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non soporto as persoas que adoitan falar sempre de cartos, viven para os cartos e nunca teñen cartos abondo.
23.– O que máis odia?
– A Mentira (con maiúsculas).
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera Borbón.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución do pobo kurdo en Rojava, a súa loita en solitario contra o mundo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cos que teño chégame. Hai que repartir.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e consciente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Calmo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Ser indulxente presuporía que estou nunha posición moral superior. Procuro non xulgar (o que non é sempre doado).
30.– Un lema na súa vida?
– Cume, bibe e non te aquiloutres.”

Cuestionario Proust: Xavier Estévez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xavier Estévez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade e o humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Gústanme as persoas sinceras, aquelas que saben escoitar.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que sigan aí. Que teña a certeza de que cando as chame, elas contestarán.
4.– A súa principal eiva?
-A pereza. Se puidera, dedicaría todo o tempo a ler, e sei que non podo. Nin debo.
5.– A súa ocupación favorita?
-A lectura. Toda a miña vida os libros foron o meu refuxio. Podería vivir sen moitas cousas, pero sen ler, imposible.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Un sábado en familia; todos xuntos arredor dun bo xantar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder a memoria. Non lembrar quen son, nin quen fun.
8.– Que lle gustaría ser?
-Cando era pequeno, como moitos outros, quería ser aventureiro, viaxar polo mundo. Pasados tantos anos, aínda soño con iso, ser viaxeiro.
9.– En que país desexaría vivir?
-En calquera. A felicidade non está nun lugar, está nas persoas que o habitan.
10.– A súa cor favorita?
-De sempre, o amarelo. Non sei o porqué.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Non teño predilección. Gústame todas, aínda que confeso que son urbanita, non son unha persoa de campo.
12.– O paxaro que prefire?
-A gaivota, como símbolo de liberdade.
13.– A súa devoción na prosa?
-Gústame moito a literatura inglesa e francesa de finais do século XIX. Tamén a literatura xaponesa, ese xeito tan diferente de escribir. Admiro a moitos escritores e escritoras. Non digo nomes porque deixaría mil no tinteiro.
14.– E na poesía?
-Os haikus xaponeses, García Lorca, Rosalía, Tamara Andrés…
15.– Un libro?
-Moitos. Difícil elixir un. Se tivese que facelo, hoxe elixiría por exemplo As aventuras do valoroso soldado Švejk, de Jaroslav Hašek.
16.– Un heroe de ficción?
-Atticus Finch (Matar un reiseñor). A quen non lle gustaría ser como el?
17.– Unha heroína?
-Jo March (Mulleriñas), polo seu espírito rebelde.
18.– A súa música favorita?
-Moitas: Chet Baker, Nina Simone, Leonard Cohen, John Barry, Berrogüetto…
19.– Na pintura?
-John William Waterhouse.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Todas as persoas anónimas que se levantan cada día coa idea de converter este mundo nun mundo mellor. Todos aqueles/as que loitan por darlle aos fillos o que eles non tiveron.
21.– O seu nome favorito?
-Mistre. Dende hai varios anos, ese nome está ligado ao meu corazón por un fío que xa non se pode romper.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Falar máis do que un escoita.
23.– O que máis odia?
-Cos anos un aprende a non odiar. O que non me gusta non merece o meu odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Milton Friedman, por dicir un. A súa idea da economía fixo auténticas desfeitas na segunda metade do século XX, e máis que fará.
25.– Un feito militar que admire?
-Non son de admirar feitos militares. Algúns foron un mal necesario, supoño, pero non podo admiralos. Os feitos militares son o fracaso da ciencia, da humanidade.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Poder deter o tempo. Como dicía Einstein, o futuro chega demasiado rápido.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Cun sorriso nos beizos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Curioso e optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Son indulxente con todos os defectos.
30.– Un lema na súa vida?
-“Tenta dar sempre o mellor que podes”.”

Cuestionario Proust: Eduard Velasco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eduard Velasco:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade e a inquietude.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me descubran novidades. Que me fagan rir. Que poidamos cociñar xuntos.
4.– A súa principal eiva?
-Algo relacionado con non saber que responder a esta pregunta.
5.– A súa ocupación favorita?
-Cambiar de ocupación cando xa cansei da anterior.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Tiven a fortuna de velo realizado e de gozar da felicidade sendo plenamente consciente. O máis importante é que iso descarga os que agora me rodean de calquera responsabilidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ser quen de sobrepoñerme a ela e de seguir adiante cando chegue.
8.– Que lle gustaría ser?
-Querería ter un taller e dedicarme a pintar e a traballar coas mans; como non creo que iso suceda, teño un proxecto alternativo a medio prazo.
9.– En que país desexaría vivir?
-Non vexo que haxa onde ir se non é facendo da propia casa un continente.
10.– A súa cor favorita?
-As cores rubias e azafranadas das terras mediterráneas: entre elas sei que estou na casa.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Quizais a do agave, e non pola beleza, senón polo acontecemento que precede a morte.
12.– O paxaro que prefire?
-Teño simpatía por todos os paxaros, mais gustaríame ter un loro e pasear con el no ombreiro pola rúa.
13.– A súa devoción na prosa?
-A que estea feita coa consciencia de que a literatura se constrúe con palabras e con linguaxe literaria, non con ideas e liñas argumentais.
14.– E na poesía?
-A popular en calquera das súas formas. Ningunha tentativa a vai poder superar nin en graza nin en exactitude nin en oportunidade.
15.- Un libro?
-É o único agasallo que sempre vou agradecer.
16.– Un heroe de ficción?
-Mortadelo, sen o que non se entende a miña educación sentimental.
17.– Unha heroína?
-A Mila da novela Solitud de Víctor Català.
18.– A súa música favorita?
-A das mulleres que están de parto e cantan para incorporaren a dor das contraccións. É unha melodía ancestral que sobrecolle.
19.– Na pintura?
-Luís Seoane, Berta Cáccamo, Santiago Rusiñol, Modest Urgell, Andreu Maimó, Alfredo Salom… E, sobre todo, a dos nenos cando riscan polo pracer do trazo e aínda non concibiron a figuración.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña tataravoa murciana, Rosa Lario García, que fuxiu de Lorca en 1904 con catro fillos pequenos e foi a pé ata Barcelona pedindo polas casas.
21.– O seu nome favorito?
-Calquera topónimo non deturpado de calquera lugar do mundo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Ser rañas cos cartos e espurrido para a comida.
23.– O que máis odia?
-A preguiza e a falta de curiosidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todas as que arestora queren acabar con nós e que, infelizmente, pasarán á historia.
25.– Un feito militar que admire?
-A resistencia dos maquis ou calquera resistencia contra os feitos militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Ter boa voz e saber cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Dun ataque de hilaridade fatal ou vítima dunha morte absurda (por exemplo, pola caída dun piano na cabeza).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Seica o optimismo e a alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os provocados pola paixón.
30.– Un lema na súa vida?
-Adoptaría o que un dos personaxes de Palabras de Opoton o Vello lle di ao bo do Opoton e que vai moi ben para coller azos cando un desfalece no traballo material ou intelectual: «—Isto, irmán Opoton, é a miña canoa. Aínda non a teño acabada de todo mais xa queda menos que o día que a comecei a facer.»”

Os Proust galegos (2013-2020)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Neste período en que algunhas persoas dispoñen de máis tempo na casa pareceume acaído -pensando en todo o mundo mais especialmente no alumnado de Lingua Galega e Literatura de 2º de bacharelato que debe facer algúns traballos sobre voces da narrativa contemporánea- dispor dunha listaxe completa coas 290 persoas que, desde novembro de 2013 ata hoxe mesmo coa incorporación das respostas de Brais Arribas, pasaron por esta sección. O obxectivo da iniciativa, ademais de poñerlle rostro a algunhas das autoras e autores que nos rodean -e alén de rescatar algún cuestionario non solicitado por min- incitaba a que se falase sobre os gustos, lecturas, filias e fobias de cadaquén e aí sempre pode haber un fío desde o que tirar para comprender algúns extremos que tocan a creación en calquera xénero.
Non só hai aquí persoas que escriben -algunhas lamentablemente falecidas- narrativa. Tamén as hai que transitan pola nosa poesía, a dramaturxia ou o ensaio, editoras e editores, alén dalgún representante do mundo da ilustración. Aproveito para darlles a todas elas as grazas polo esforzo que as respostas requiren e pola amabilidade e entusiasmo que sempre amosaron diante deste proxecto, aínda inacabado.”

Cuestionario Proust: Antía Yáñez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antía Yáñez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Obsesiva.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Que me fagan rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que estean nas boas e nas malas.
4.– A súa principal eiva?
-A pouca paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler (e durmir, non necesariamente nesa orde).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ter a miña propia biblioteca. Levo desde os 12-14 intentando crear o meu propio índice bibliográfico (algún día…).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ser capaz de valerme por min mesma (en todos os ámbitos: o físico, o psicolóxico, o económico…).
8.– Que lle gustaría ser?
-Estudante de Hogwarts (pasóuseme o arroz).
9.– En que país desexaría vivir?
-Nun onde o verán non pase dos 27 graos nunca.
10.– A súa cor favorita?
-Augamariña.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas… aínda que non son moito de flores.
12.– O paxaro que prefire?
-Tampouco son moito de paxaros. As gaivotas, porque me lembran Burela.
13.– A súa devoción na prosa?
-Demasiadas/os para quedarme con un/unha só. Sería inxusto.
14.– E na poesía?
-A poesía é unha asignatura pendente, pero A lista da compra da viúva de Emma Pedreira foi unha grande introdución á mesma.
15.– Un libro?
-Un só? Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
-Se se poden considerar heroes, Mortadelo e Filemón.
17.– Unha heroína?
-A primeira que coñecín foi Juana de Arco. Algo relixiosa de máis para o meu gusto.
18.– A súa música favorita?
-En xeral, o pop.
19.– Na pintura?
-Non gasto diso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Hoxe en día non sabería dicirche. Admiro a moita xente, sobre todo mulleres, pero heroínas…
21.– O seu nome favorito?
-Antía, Alba, Aroa, Area, Antón, Anxo… sinto especial predilección polo A.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Que me mintan, pero supoño que iso non é un hábito (sabelo non o sei, claro, por razóns evidentes).
23.– O que máis odia?
-Non ter razón (e case nunca a teño).
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco.
25.– Un feito militar que admire?
-En todo caso, as misións de paz. Son militares?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Volverse invisible pode considerarse un “don natural”?
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Sen sufrimento. Téñolle pánico ao sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Exaltada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia, pero só nas persoas que non teñen ou tiveron medios para paliar ese defecto.
30.– Un lema na súa vida?
-Non fagas o que non che gustaría que che fixesen.”

Cuestionario Proust: Xavier Lama

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xavier Lama:

“1.- Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade desordenada.
2.- Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Supoño que a capacidade de empatía e que sexan, en termos xerais, boas persoas; é dicir, que non resulten tóxicas.
3. -Que agarda das súas amizades?
– Que sexan ou se sintan libres na amizade.
4.- A súa principal eiva?
– Repito o da curiosidade desordenada, pouco sistematizada (ten aspectos positivos e outros claramente negativos); logo a preguiza (malia que son admirador de Paul Lafargue) e varios defectos máis que non é cuestión de desvelar.
5.- A súa ocupación favorita?
– Sempre ver cine, bo cinema, series televisivas e a lectura.
6.- O seu ideal de felicidade?
– Non teño un ideal preconcibido, aínda que intúo que a base está en manter a conciencia tranquila. En todo caso, aproximaríase bastante ao que describe o poema “De vita beata” de Gil de Biedma.
7.- Cal sería a súa maior desgraza?
– Imaxino que perder a memoria (Alzheimer), padecer unha enfermidade grave e incurable, ou perder prematuramente os seres queridos.
8.- Que lle gustaría ser?
– O catálogo é amplo. Quixera ser moitos outros que non son ou non podo ser, porque xa é demasiado tarde para reinventarme a fondo.
9.- En que país desexaría vivir?
– Non teño unha preferencia explícita, nin vou pecar de chauvinista dicindo que o mellor é onde estou vivindo, En todo caso, gustaríame pasar un tempo en Francia, entre París e a Costa Azul, sen desbotar escapadas á Fisterra gala e á costa normanda.
10.- A súa cor favorita?
– Verde.
11.- A flor que máis lle gusta?
– Camelia.
12.- O paxaro que prefire?
– O pavo real, porque me fascinaba de cativo.
13.- A súa devoción na prosa?
– Moit@s: Cervantes, Dostoievski, Flaubert, George Eliot, Emily Brontë, Kafka, Borges, Buzzati, Sartre, Camus, Juan Rulfo, Nabokov, Otero Pedrayo, Cunqueiro (o narrador, pero, sobre todo, o inconmesurable articulista), Irish Murdoch, Alice Munro, Kundera, Julian Barnes, Coetzee, Paul Auster, Angélica Lidell (teatro), Virginie Despentes, etc.
14.- E na poesía?
– Tamén unha longa lista: Shakespeare (como dramaturgo), Shelley, Rimbaud, Eliot, Auden, Manuel Antonio, Rosalía, Whitman, Pessoa, Neruda, Aleixandre, Emily Dickinson, Sylvia Plath, Paul Celan, Sophia de Mello, Nicanor Parra, Alejandra Pizarnik, Olga Orozco, Gamoneda, Gimferrer, Leopoldo María Panero e un longo etcétera.
15.- Un libro?
– Sempre Hamlet. Shakespeare é para min é o escritor por antonomasia, o máis grande.
16.- Un heroe de ficción?
– Alonso Quijano, Werther, Gregor Samsa…
17.- Unha heroína?
Jane Eyre. Penso na novela, pero tamén na versión cinematográfica que fixo Cary Fukunaga, con Mia Wasikowska no papel de Jane.
18.- A súa música favorita?
– Tentarei resumilo: “Les feuilles mortes” (mellor canción), Rolling Stones (mellor artista/grupo de pop-rock) e Beethoven, Mozart, Bach e Sibelius (música clásica)
19.- Na pintura?
– Picasso, Velázquez, Caravaggio, O Bosco (todos os anos vou ao Prado e a primeira visita, en plan ritual persoal, é sempre para este xenio único), Brueghel o Vello, Rembrandt, Goya, Renoir, Pollock, Delvaux, Remedios Varo, Motherwell e Baselitz, por citar unha pequena parte.
20.- Un heroe ou heroina na vida real?
– Apostaría polos heroes ou heroinas anónim@s que loitan pola vida cotiá en medio das dificultades (coñezo algún caso). Non teño heroes de escaparate, postureo, politicallada ou show business. Admiro moita xente viva (desde Paolo Sorrentino ata Yorgos Lanthimos, desde Julian Barnes ou Marina Abramovic ata Wajdi Mouawad, etc, etc.), pero non chegan á categoría de heroes, nin moito menos.
21.- O seu nome favorito?
– O que pasou a ter Prince: o Artista Anteriormente Coñecido como Prince.
22.- Que hábito alleo non soporta?
– A toxicidade en todos os sentidos.
23.- O que máis odia?
– O odio, a soberbia, a chulería, o clasismo, a maldade, os poderosos psicópatas, etc.
24.- A figura histórica que máis detesta?
– Hitler, Ante Pavelic, Pol Pot, xente así… individuos de rasgos psicopáticos que, cando chegaron ao poder, acabaron sendo xenocidas.
25.- Un feito militar que admira?
– Admirar, admirar son palabras maiores… Respecto aqueles feitos militares que tiveron un efecto liberador fronte á opresión ao longo da historia e non só os moi publicitados (e revisitados no cine) da segunda guerra mundial.
26.- Que don natural lle gustaría ter?
– Ter aptitudes para pintar ben e tocar un instrumento en condicións.
27.- De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrimento, mellor sen decatarme e sen dar a lata.
28:- Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Curiosidade esperanzada.
29.- Que defecto lle inspira máis indulxencia?
– Todos os defectos que xorden da boa fe, nos que non hai maldade explícita ou perversa toxicidade.
30.- Un lema na súa vida?
– Non teño lema explícito. Pero apúntome a un moi práctico: “Vive e deixa vivir”.”