Xosé Vázquez Pintor: “Na sala de Urxencias, a literatura permíteche seguir a voar”

EntrevistaXosé Vázquez Pintor de César Lorenzo Gil a Xosé Vázquez Pintor en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Comentou vostede que Antípodas nace cando “estaba baixo mínimos”, logo dun infarto. Cónteme.
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): O libro foi unha luzada de optimismo e forza, da esperanza, das urxencias positivas. Coido eu… Tamén puido ser resultado da ciencia, xa que chegou despois dunha resonancia magnética. Da outra resonancia magnética, a que vai máis alá, cara ao profundo da ensoñación, das liberdades e das luces. Sempre debera ser así: un lóstrego.
– B: Fálase moito da literatura como terapia. É comparable o esforzo mental dunha novela ao esforzo que se require para rehabilitarse dun problema físico?
– XVP: Na miña circunstancia, non houbo esforzo senón a curación por dentro, libertaria ela, unha luminaria de formigas, o ruxe-ruxe coas palabras dende o íntimo. Na sala de urxencias o noso mundo creativo é coma un paspallas que canta e que voa alén das circunstancias adversas. Aparcamos as derrotas físicas e químicas a prol da resistencia. O importante é seguir voando cara ao paraíso da creación, creación literaria, no meu caso. (…)
– B: Antípodas é unha novela na que o soño ten tanto valor coma a realidade. Como concibe vostede o valor da literatura como evasión das dificultades da vida? A pregunta é para o Vázquez Pintor escritor mais tamén para o lector.
– XVP: Un séntese cómodo cando pode facer un sol das liberdades ensoñadas. A poesía é un fulgor. E cando non se pode é un fiasco. Cando imos avanzando chega un momento no que nos sentimos cómodos co que facemos ou ben optamos pola renuncia. Velaí o fulgor ou a caída. Dáse unha pelexa interior: o valor que ten na propia vida a palabra, a escrita e polo tanto a literatura. Aínda que o tempo avanza, o importante é non desesperar, non renunciar á dignidade. A sorte sempre se achega a botar unha man. Do lado de abaixo, nas lameiras da vida, quedou a desesperación. (…)
– B: Vostede é un heterodoxo na literatura galega, apegado ás súas propias obsesións, case nunca en comuñón con modas ou tendencias. Tamén o é nas referencias? Quen son os autores-motores responsables de que vostede decidise pórse a escribir?
– XVP: Aquela música oral da lingua é o fiadeiro das imaxes que eu sempre recibín dos meus: avós, pais, familia labrega na Terra do Medio; e aínda despois o mar de Cangas, Bueu, Moaña. E aínda máis despois: Vigo, Cambados, Pontevedra. O noso mundo en vidas e palabras. Aí sempre cómpre estar. (…)
– B: Nos seus textos xornalísticos hai tamén a pegada do contacto humano directo. É vostede home de agarimos e conversa. Quizais hoxe os escritores e os xornalistas (aínda que pareza estraño) escoitan pouco a xente na rúa?
– XVP: Foron máis de trinta anos de colaborador na maoría dos xornais de Galiza. O sol que nunca se apaga en min. Que sempre soñei. Cadro un chisco nesa apreciación da falta de contacto suficiente dos xornalistas coa xente na rúa. O mundo de hoxe é de amargor en moitas casas nas que só queda ruína e baleiro. E xornalistas e escritores temos que seguir a ser portavoces necesarios e honestos desa realidade.”