Artigo de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Se algunha vez alguén tivo dúbida da conexión entre os mundos da fantasía, no literario e fóra, e aqueles que denominamos “o real” (deixarei a crítica da Matrix para outro día) achegarse a O Gran Reino [de Eduardo Santiago] acabará de disipar esas incertezas. Non é novidade ningunha ler a ficción científica ou a literatura denominada “fantástica” como glosas sobre o que existe, pero neste caso o tema vólvese a materia da propia narración. Unha materia que toma forma corpórea nunha adolescente, Galadriel, que anda, na miña lectura, á procura dun espazo onde poidan convivir a forza e o (auto)control.
Aínda que as capas de lectura deste Gran Reino poden ser moitas, vou ficar nesta concreta. Porque rara vez atopamos na literatura protagonizada por adolescentes unha personaxe como Gala. Certo é que o estereotipo masculino do heroe que ten poderes e non sabe que facer con eles pode ecoar como referencia, mais precisamente o interesante de Gala é que foxe e se arrepón ao discurso adquirido. Para empezar, o único poder que ten Gala é a súa intelixencia, a súa creatividade. Algo ao alcance de calquera moza. Algo fanado socialmente en calquera moza. Como ben nos recorda Carlos Negro en Penúltimas tendencias, o mundo do rosa ao que nos vimos sometidas as que fomos adolescentes e ao que se vén sometidas as que o son agora implica tamén unha asunción da parvicie e da superficialidade por defecto para definir o feminino. As mozas poden ser calquera cousa, mais nunca intelixentes. E moito menos intelixentes de máis. Esa é unha chata incomprensible que fai que unha non saiba que facer con ela.
Porén, Gala atopa unha maneira, controvertida e por veces maléfica (e aló vai outro estereotipo, o da adolescente riquiña, o da muller que ten que agradar a toda costa). Unha moza que sabe aproveitar moi ben as feblezas alleas para o seu propio beneficio. Que sabe usar o estereotipo para o ben propio. Dubido que ningunha adolescente a quixese inicialmente como amiga ante esta descrición, mais a astucia desta novela fica en que malia todo isto Gala é alguén a quen queremos emular porque na súa perfidia está tamén unha creatividade sen límites, aquela da que agroma O Gran Reino. (…)”