Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A figura de Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), malia ser un autor un tanto esquecido na historiografía literaria galega, conta desde hai anos cun importante ensaio sobre o seu percorrido biográfico e literario a cargo de Manuel Cabada Castro titulado Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) (Sada – A Coruña, Ed. do Castro, 2001) e mais unha Obra Completa. Poemas e outros escritos (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001), igualmente a cargo do devandito investigador.
O manuscrito que abaixo se presenta corresponde a unha carta que o autor lle enviou a Ramón Otero Pedrayo acompañando un volume do seu único libro publicado en vida titulado Vagalumes, editado en 1931. Nela, logo de recoñecer a Otero como “mestre da prosa galega”, solicítalle que o “acolla con agarimo” e mais que “teña a ben adicarlle unhas liñas”. Nunha postdata interesante inquírelle por un artigo que Otero dedicou a Amor Ruibal tras a norte deste acontecida en 1930 -un personaxe de referencia para o poeta estradense- pois, como afirma, “teño ansiedade por vel-o”.
A miña gratitude, de novo, á Fundación Penzol pola cortesía e a autorización para reproducir esta carta.”