Entrevista de Carlos Loureiro a María López Sández en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí encontramos a Galiza personalizada nun corpo de muller: beleza e tamén machismo… unha Galiza sometida igual que a muller está sometida a un patriarcado social…
– María López Sández (MLS): Ningunha escolla do imaxinario é inocente e toda elección, independentemente da intención primeira que a guíe, pode ter efectos inesperados. Cando Rosalía constrúe a percepción da paisaxe galega como feminina faino cunha intención dignificadora, tanto da paisaxe como das súas xentes -cómpre ter en conta que isto en Rosalía ía ademais unido a unha postura feminista, como se ten salientado nos achegamentos críticos recentes-, pero o discurso dominante usou este trazo para desartellar a potencia política desa construción. Neste sentido compréndese mellor a suposta misoxinia pondaliana, o feito de que el intentase unha construción de signo diferente, que procuraba a asimilación cos valores masculinos da agresividade e a loita. O éxito instaurativo correspondeu á imaxe rosaliana, pero o discurso dominante, patriarcal e antinacionalista, atopou unha vantaxe en asociar Galicia co estereotipo feminino, sen dúbida. (…)
– NG: Ultimamente vemos que a viaxe está moi presente nas tramas da novela galega (Rosa Aneiros, Xavier Queipo… e ti mesma nesta novela). Como xustificar o emprego desta viaxe (persoal, física…) na trama novelesca?
– MLS: En realidade non é algo que suceda ultimamente, senón que vén ocorrendo desde sempre, desde a Odisea homérica. O camiño, a viaxe, é a máis potente e ubicua metáfora existencial. Nas novelas de formación, a viaxe adoita acompañar o traxecto interior, e diso hai tamén exemplos sobranceiros entre os clásicos da literatura galega, como non podería ser doutro xeito. A viaxe é aventura, exploración, saída do eu e autocoñecemento. Hai xéneros enteiros, como a picaresca ou a novela de aventuras e exploración que se constrúen sobre este motivo. A viaxe exerce unha forte atracción e está chea de potencial narrativo. Xa en Propp toda narración adoitaba unha forma de viaxe, de saída ao outro reino, porque todo crecemento implica saír dunha mesma e iso é xa, en si mesmo, viaxar. A iso hai que sumar que nas narracións clásicas, e aí está outra vez a Odisea, a muller adoitaba ficar estática, encarnar esencias, agardar; o xiro dos últimos tempos é esa incorporación da muller á viaxe e á aventura, á vida, en suma, como reclamou Xohana Torres nese poema que chegou a ser un auténtico manifesto do feminismo galego e co que titulou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. (…)”