Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“9 de abril de 1916. Velaí a data precisa na que, hai case cen anos, viña ao mundo Manuel Lueiro Rey en Fornelos de Montes. Fillo do mestre Albino Lueiro Soto e mais de Adelaida Rey Couto, foi un neno feliz nas terras das abas do Suído a canda os dez irmáns. A casa, a súa casa de Fornelos, era casa grande e abastada, sita no centro mesmo da vila, ben preto do Concello e da Igrexa de San Lourenzo.
En Fornelos transcorreu a infancia de Lueiro Rey ata que tivo sete anos. A partir dese momento pasou a residir no Grove, a súa outra matria terrea, a onde marchou por mor dun novo destino docente de seu pai.
Secasí, Fornelos seguiu sendo o epicentro da ledicia, a badía acolledora na que recalar nos días gaios do San Lourenzo, festa maior que chega ao Oitavén. Foi tamén o espazo no que soerguer a bandeira da revolución progresista para cambiar o mundo da man das Xuventudes Comunistas Unificadas e con mitins por toda parte nas últimas eleccións republicanas.
E cando viñeron mal dadas, Fornelos foi o acubillo a onde fuxir, pois alí se agochou no lar dunhas tías carnais entre setembro do 36 e maio de 1937. E, des que acabou o conflito, foron aqueles eidos os que o abeiraron entre 1939 e 1941. A partir dese intre, Fornelos converteuse no lugar para as visitas familiares, as celebracións, os reencontros e, sobre todo, para a memoria da raíz das cousas, para a lembranza escrita, para os soños do poeta.
A casa dos Lueiro en Fornelos resiste, lánguida, o pasar implacable do tempo. Seica un conflito de herdades a mantén intocable, pois cónstame que as autoridades municipais e parte da descendencia do autor farían por ela de boa gana. Non son xurista, así que non sei dicir se, para estes casos, existe un modo de proceder e lograr que un ben cultural de valor simbólico non acabe por esmorecer definitivamente. Fago votos para que exista unha solución, para que os responsables públicos se acollan a ela e que os familiares que honran a memoria de Lueiro Rey nos dean a todos a alegría de que un día, non afastado, poida constituírse na sede dunha fundación que leve o seu nome.”