Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“As palabras que titulan o apuntamento non son miñas, pertencen a Manuel Portas, e deixounas por escrito nunha dedicatoria persoal de Amor en alpargatas; compártoas aquí pois esencializan o espírito do libro. Portas visitou onte o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares de Vigo e a súa presenza serviu para coñecer algunhas das claves deste libro que, ao meu parecer, está a pasar con certo e inxustificado silencio entre nós cando son dos que pensa que é un libro suxestivo, moi ben escrito, e que aborda con afouteza asuntos que aínda son tabú entre nós como, por exemplo, o independentismo. Disto falouse neste encontro, mais tamén do perfil de quen escribe, da concepción do traballo creativo e dese paso que nun momento dado o autor deu e que o converteu de lector a escritor.
Portas insistiu que esta non é unha novela política, basicamente é unha novela de amor, mais ao tempo é tamén unha proposta na que por toda ela paira o nacionalismo, testemuñando o que fixo unha xeración que lle leva a el uns dez anos, afondando nos seus éxitos e nos seus fracasos. Falouse, asemade, do mundo do libro -tan presente en Amor en alpargatas-, do intento que realizou para romper o mito xudeo-cristián do amor único e doutros temas como foron os seus novos proxectos, a presenza de Teis na novela, o mundo académico do escuro franquismo que se retrata, etc., todos eles agromando nun diálogo rico e intenso. Grazas, Portas, pola túa visita. (…)”