Cristina Novoa: “No curso pasado funcionaron clubs de lectura en 238 centros de ensino que leron máis de mil títulos”

EntrevistaCristina Novoa de César Lorenzo Gil a Cristina Novoa en BiosBardia:
“O 5 de xuño celebrouse en Compostela a VIII Xornada dos Clubs de Lectura dependentes de centros de ensino públicos. Estes clubs de lectura agrupan máis de dez mil persoas, a maioría rapaces, a través dos libros. Ademais, por primeira vez, estes clubs outorgaron un premio ao autor máis lido, que recaeu en Agustín Fernández Paz. Conversamos con Cristina Novoa (León, 1957), responsable da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que coordina estes clubs, sobre esta poderosa iniciativa cultural pública.
– BiosBardia (B): Vostede dirixe, xunto a Pilar Sampedro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Cales son as funcións deste órgano?
– Cristina Novoa (CN): Desde a súa fundación, no 2003, é o encargado de coordinar o desenvolvemento das bibliotecas dos centros de ensino que en Galicia dependen da Consellaría de Educación. Naceu como mecanismo de fomento e modernización das bibliotecas, especialmente as de centros de Ensino Infantil e Primaria. Antes do seu nacemento, o funcionamento desas bibliotecas dos colexios dependía unicamente da vontade dos profesores. E aínda que en moitos casos, foron os profesionais os que conseguiron facelas funcionais e valiosas para a comunidade, outras veces eses espazos non existían ben fisicamente (como depósitos) ben lectivamente (como espazos útiles para docentes e alumnado).
Nestes anos de traballo, a biblioteca escolar cambiou e mellorou ao tempo que as demais bibliotecas. Noutro tempo non era estraño que a biblioteca dun instituto estivese pechada ou que os libros se gardasen en vitrinas inaccesibles ou que non houbese unha base de datos útil para saber que recursos había dispoñibles. Agora, e grazas ao traballo de moitos profesores durante moito tempo e contra moitos preconceptos, iso mudou. A biblioteca é un lugar de encontro e de coñecemento, unha ferramenta lectiva imprescindible. (…)
– B: Como funcionan, que actividades fan? Como se manteñen?
– CN: Reciben anualmente fondos públicos, especificamente para tres cousas: a compra de libros, a organización de actividades culturais, por exemplo, excursións literarias, e tamén para combinar encontros con escritores.
Funcionan dun xeito sinxelo: reúnense cada certo tempo os grupos ao redor dun título escollido e debaten ou interactúan ao redor del. Hai centros que teñen varios clubs de lectura funcionando a un tempo, clasificados por idades (o 26% dos centros teñen clubs para adultos, que integran profesores, persoal non docente, pais e nais mais tamén persoas que non teñen relación co tal centro) ou por temas. Neste ámbito hai iniciativas moi interesantes. En Xinzo da Limia funciona un club especializado en lectura teatral; no IES Otero Pedrayo de Ourense un profesor mantén un club con lecturas sobre Filosofía da Ciencia. A lectura científica reúne varios clubs máis. Ademais, os clubs fan actividades relacionadas, desde viaxes a concursos ou encontros. (…)
– B: En Galicia, aínda máis gravemente no caso dos libros en galego, temos unha cota moi baixa de lectura entre os adultos. Que falla ao deixar o instituto?
– VN: Quero ser optimista. Penso que o labor destes anos de clubs de lectura activos son unha sementeira que vai dar os froitos. Os especialistas din que os resultados aparecen a partir da primeira década de funcionamento. Estamos a piques de cumprir o tempo. O que está claro é que é na infancia onde nace o lector mais é na adolescencia onde se fixa o hábito, sempre que estea guiado e acompañado. Nesas idades un ama a lectura e xa non a pousa. Hai estudos que afirman que as persoas que len habitualmente na adolescencia, serán bos lectores adultos. Pode pasar, e de feito pasa, que ese hábito se interrompa durante o tempo da universidade porque o actual plan de estudos é esixente, con moitos traballos e clases, e non deixa tempo para lecturas non lectivas… Mais ao acabar a carreira, os lectores voltan ás bibliotecas e ás librarías. (…)”