Entrevista de Carlos Loureiro a Antón Cortizas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Son moitas as historias que deixaches no faiado da memoria, pero cantas quedaron nos baúis reais de Antón Cortizas que aínda non cobraron vida?
– Antón Cortizas (AC): Son varios os traballos que dormen nas gabetas do meu gabinete. Até hoxe, sete poemarios (digamos que de adultos), algún texto dramático, dúas obras de narrativa infantil, outros dous textos pensados como álbum infantil ilustrado para os máis cativos, e outras cousas breves e soltas por aí. Proxectos inacabados tamén hai varios, durmindo en amor e compañía cos anteriores. Supoño que a maioría nunca chegarán a nacer de todo. Intento ás veces recuperar proxectos encetados hai anos, mais novas argalladas se meten polo camiño e nacen antes de quen primeiro foi concibido. Encol dos que están, ao meu ver, feitos de todo, que sei eu o que será deles… Hai froita madura que cae da árbore sen que ninguén chegue nunca a saboreala, nin para ben nin para mal. (…)
– NG: Supoñemos que escribir para cativos ou escribir para adultos non terá que ser tan diferente pero non impón un maior medo, respecto… o de facelo para a idades máis temperás?
– AC: Coido que é a mesma cousa escribir para uns que para outros. A diferenza está quizabes en que certos temas non son axeitados para a infancia, por non pertenceren ao seu mundo, e debemos respectar o proceso madurativo das persoas. Pero isto non quere dicir que a literatura infantil sexa literatura de linguaxe escasa, doada ou melindreira. A infancia merece que lle escribamos coa máxima riqueza e beleza.
Nunha ocasión unha media ducia de persoas de diferentes lugares, que escribiamos literatura infantil e xuvenil, tivemos un encontro con Saramago, en Lanzarote. Falamos de canto quixemos, e nun momento o Nobel, que aínda non o era, dixo que admiraba o noso labor por escribirmos un tipo de literatura que el non era quen de facer. Evidentemente, sorrimos todos.
Bon, con esta anécdota apenas quero indicar que a literatura é literatura, boa, regular ou mala, independentemente que se trate de textos para adultos ou de textos que tamén pode ler a xente nova. Os adultos podemos gustar ou non da literatura infanto-xuvenil, como podemos ou non gustar da literatura fantástica, da novela policial ou dos best sellers, por exemplo. (…)
– NG: Varias obras túas foron traducidas. Non se bota de menos a tradución da nosa literatura infantil como forma de normalizala cara fóra? Non deberían os poderes públicos potenciar esta tradución para espallar a literatura de noso?
– AC: A tradución e edición dunha obra en galego noutras linguas é froito de diversas circunstancias e casualidades, e non só da calidade que poida ter ou non a obra traducida. Teño para min que depende de circunstancias case sempre alleas a un mesmo, e conta máis o feito de estar no sitio axeitado e no momento oportuno, ou de cadrar a túa obra nun lote de intercambio entre editoras, e tamén pódese aplicar o dito de que máis vale caer en graza ca ser gracioso. Ou que eu teño un amigo que coñece a un editor que se cadra ten a ben editar, e digamos etcétera.
Ora ben, é evidente que a promoción das obras na nosa lingua propoñendo a súa tradución a outras linguas é bon, non só para a obra e para a súa autoría, senón tamén e quizabes máis, para a nosa lingua e a nosa cultura.”