Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Constituíu un privilexio asistir onte á presentación da última novela de Agustín Fernández Paz na Casa do Libro de Vigo pois, alén desa sorte de atmosfera afectuosa que sempre paira nas presentacións dos libros do autor chairego supuxo, sen que talvez ningunha das persoas que falaron o tivese en mente, unha magnífica oportunidade para falar arredor da relevancia e consolidación da literatura xuvenil entre nós. (…)
Apuntou Manuel Bragado un dos grandes asuntos que circulan na novela e que logo rexurdiría na presentación con certa recorrencia, isto é, a homenaxe literaria que na novela se rende á xuntanza que, xustamente o 18 de xuño de 1816 (hai 199 anos) tivo lugar nunha casa perto de Xenebra, onde pasaban o verán na chamada Villa Diodati, onde xermolaron algunhas grandes obras de Lord Byron, Polidori ou Mary Shelley .
Pola súa parte, Ledicia Costas, alén de dar lectura a un texto inspirado na experiencia da lectura da obra que se presentaba mercé ao que afondou nos mecanismos que se activaron nese exercicio e o que foi descubrindo nas súas páxinas, abriu unha quenda de preguntas ás que Fernández Paz deu cumprida resposta e que xiraron arredor da arquitectura e a andamiaxe da novela, retomándose a relevancia dese encontro de grandes voces literarias arriba aludido no que hai unha recoñecida homenaxe neste libro. Falouse tamén de Bram Stoker e de Lovecraft, sobre a literatura de medo e de terror, arredor do feito de que estas pezas literarias adopten unha perspectiva de primeira persoa para dar conta da experiencia propia e ir creando unha espiral de cara ao agardado estoupido final, para volver –last but no least– a ollada cara á alquimia que xera a literatura infantil e xuvenil e reivindicar a súa necesaria presenza e cultivo.”