A renovación poética

Desde Cultura Galega:
“Espectáculos poéticos, videopoemas, festivais de recitados, encontros abertos cos versos como protagonistas improvisacións ou combates de vates. A poesía adopta, xa desde hai varios anos, novas formas en Galicia e ábrese a públicos diferentes. Repasamos algúns dos principais foros e cuestións arredor deste ámbito.
A poesía chega aos bares e ao pubs. Toma as rúas, sae dos libros e baixa dos escenarios. Diferentes propostas reivindican a oralidade como parte fundamental para a lírica e introducen, cada vez máis, este xénero na axenda cultural. Xa non se trata dun creador canonizado que recita os seus versos. Falamos de encontros pouco formais nos que participan múltiples voces, onde se propoñen xogos arredor da linguaxe ou onde a música, o vídeo ou o teatro se mesturan coa lírica. Nesa liña, en Culturagalega.gal temos repasado propostas como Os Poetas da Hostia, os Picaversos ou os Slams Poéticos.
Canda a isto, manteñen a súa vixencia propostas máis convencionais, onde predomina o recitado desde o escenario, en ocasións acompañado por música, na forma de festivais e eventos centrados na poesía. Ponte Poética, Poetas Di(n)versos ou o Brumario Poético traballan nesta liña, mentres o Festival de Poesía do Condado e a Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol apostan por un menú máis variado arredor dos versos. (…)”