Elena Gallego Abad: “A miña experiencia como xornalista está sendo fundamental para difundir a miña obra literaria”

EntrevistaElena Gallego a Elena Gallego Abad na Asociación Galega de Editores:
“(…) – Asociación Galega de Editores (AGE): Sempre quixeches ser escritora, Elena?
– Elena Gallego Abad (EGA): Debo confesar que si, que nesas ando dende que teño memoria. Os libros sempre formaron parte importante da miña vida. Dende ben cativa como lectora e nos últimos anos tamén como creadora. Recoñezo que, despois de varias tentativas que quedaron no caixón, xa case o descartara… Ata que xurdiu a historia de certo dragón e boteime a voar sobre as súas ás. (…)
– AGE: A literatura galega está chea de inspiracións míticas, de lendas que axudaron a conformar unha percepción histórica de Galicia e que moitos escritores utilizan e utilizaron para fabular sobre o país as súas xente. O dragón galego non oculta esa procedencia. É ese o motivo do seu éxito?
– EGA: Que teñen en común unha rapaza galega de doce anos e o seu avó xubilado de setenta, un produtor de cine, unha perruqueira, un experto en historia medieval, unha profesora de galego e un camareiro? Todos precisamos soñar. Cada lector de Dragal é diferente, e coido que o éxito da serie está, precisamente, nesa diferenza. Dragal é unha historia que, tecida dende ese universo máxico que temos en Galicia, gusta a todo tipo de públicos. Por iso continúa viva nos andeis das librerías, nos clubs de lectura e nas bibliotecas. (…)
– AGE: Malia os premios, os recoñecementos internacionais e a contrastada calidade de moitas das historias que escribides, a LIX, tamén a escrita noutras linguas, segue cargando co sambenito de xénero menor.
– EGA: Non concordo. Tamén hai quen pensa que escribindo en galego non se pode chegar a ningures. Considero que escribir en galego é unha oportunidade excepcional. Contar cun sistema literario propio permite que os creadores na nosa lingua academos unha visibilidade impensable fóra de Galicia, onde hai moitos máis factores en xogo… E milleiros de escritores invisibles que nunca atoparán quen lles publique.
– AGE: Un sistema literario propio e unhas editoriais que traballan tamén coa edición estendida. De que maneira pensas que beneficia aos lectores esa hibridación dos relatos?
– EGA: Neste momento Dragal está en pleno proceso de hibridación, unha experiencia totalmente nova para min e moi ilusionante. Mentres agardo polo resultado desta translación ao universo audiovisual, que aínda levará o seu tempo, o proxecto xa está servindo para difundir a existencia das miñas novelas. Se o desenvolvemento dun cómic, un videoxogo ou unha película reforzan a proxección dos libros, coido que ese salto ao universo audiovisual xa é beneficioso. (…)
– AGE: Escribir en galego é un risco ou unha oportunidade ?
– EGA: Escribir é un risco, en calquera lingua. Só quen escribe sabe das horas escuras que é preciso tirar fronte ao teclado, ás veces coa mente en branco. Só quen escribe sabe do seu traballo de documentación, non sempre recoñecido. Só quen escribe sabe da súa teima por conquerir a mellor historia e publicala. En canto á lingua utilizada, como xa expresaba anteriormente, para min escribir en galego supón unha oportunidade excepcional. (…)”