Entrevista a María Canosa en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Empeza a escribir moi nova, en que momento sente a necesidade de contar as súas propias historias?
– María Canosa (MC): A necesidade estivo sempre aí. Non souben dela ata tempo despois de levar moito escribindo, precisamente por vivir comigo. Inventaba poemas desde que tiña tres aniños… imaxínate! Tomar consciencia de que era unha necesidade levoume tempo. E aprendino cando non tiña minutos para escribir e notaba que me faltaba algo, e que cando o facía, podía descargar todo o desacougo que levaba dentro.
A época da Universidade foi o momento no que máis consciente fun do que significaba para min a escrita.
– FL: Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– MC: Comecei tan nova que ao primeiro era pouco máis ca un xogo. Logo converteuse nun reto, o de facer cousas distintas, buscar historias, personaxes, ambientes… o proceso da creación. E co tempo, chegou a necesidade e o compromiso. Ese acto de fe e responsabilidade que todo autor ten. Tamén os soños. Gústame soñar e axudarlles aos demais a facelo é algo fermoso, pero tamén de gran responsabilidade… aí chegaron tamén os medos. Tomar consciencia do que un fai é o que ten. Con todo, pódeme máis o compromiso que calquera outra cousa. (…)
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– MC: Buf! É unha pregunta de resposta complicada. Cada traballo, para min, é totalmente diferente a calquera outro, por iso busco obxectivos ben distintos. Hainos que teñen a intención de ensinar, outros só divertir, tamén achegarse á poesía, ou coñecer o noso medio, incluso só liberar o que levo dentro…
O que si me gustaría é que a miña literatura, por moi diferente que poida ser en cada unha das distintas versións, consiga precisamente transmitir, transmitir sensacións. Facer pensar, soñar, voar… abrir os ollos ou a mente… ou pechalos. Que cando remate o libro, a persoa que o lea quede uns segundos co pensamento remoendo. Iso para min sería dicir: obxectivo cumprido.
– FL: En que se basea para escribir os seus libros?
– MC: Resposta á galega: depende. Ás veces teño que documentarme, e outras, só deixo que a historia vaia mandando o que quere. Depende moito do tipo de libro e de historia que teña entre mans. Pero o que sempre manda, sempre sempre, é o corazón.
Escribo un pouco por impulsos, pero tamén é ben certo que, ata que collo o lapis, pasa moito tempo no que a historia xa foi medrando e madurando na cabeza, porque ata que é así, non sei como a vou contar, por onde comezar, o que vou dicir e o que vou calar… Logo todo pode mudar, pero para poder comezar, necesito tela mastigada dentro de min. E despois xa veremos! (…)
– FL: A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?
– MC: Ai, que sería dos libros infantís e xuvenís sen ilustracións!
Somos un equipo, ou así o vexo eu. Escritor e ilustrador, para este público, van da man. E por sorte, eu agora traballo directamente con algúns deles… e non sabedes que gozada! Cando comecei, o escritor e o ilustrador moitas veces nin se poñían en contacto… Agora xa non sabería traballar así. De feito, hai libros que están publicados que naceron man a man, e incluso “do revés”, inventando a historia para unhas ilustracións xa existentes. (…)
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de dedicarse ao oficio de escritora?
– MC: Supoño que a económica. Quen é consciente de que os escritores comemos e non vivimos do aire? Pouca xente. Podemos darnos de alta como tales? Non… non estamos recoñecidos como categoría profesional.
Pero hai máis. Que valoren o que facemos, e como o facemos. Todo o cariño, esforzo, tempo, e bo facer que poñemos en cada traballo, en cada páxina, en cada liña. A responsabilidade e o compromiso que adquirimos coa nosa cultura. O compromiso co lector, que nos vai xulgar.
Escribir, ás veces, paréceme que non é máis ca un acto de amor e de fe, por iso é que os escritores existimos, porque resistimos. Sinxelamente. (…)”