Entrevista a Andrea Maceiras en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir, especialmente no seu caso, que comezou ben nova?
– Andrea Maceiras (AM): Para min a escrita foi un proceso natural, escribo desde nena. Un día decateime de que había unha ponte que unía a lectura coa escrita e que me gustaban por igual as dúas beiras.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– AM: Cando comecei a escribir a miña irmá pequena era meu público máis inmediato. Foi a primeira destinataria de todos os meus contos. Habitualmente ela era a protagonista daquelas historias e eu procuraba incluír cousas que lle gustasen ou a sorprendesen. Supoño que, desde entón, resulta natural para min escribir para xente máis nova.
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– AM: Eu concibo a literatura, en primeira instancia, como entretemento. Esa é a súa función primixenia e grazas a ela segue viva, funciona como forma de ocio a nivel mundial, tanto na súa vertente escrita como visual. Por outra banda, non me gustan as historias con mensaxes ríxidas ou que se esgoten nunha soa vía. Prefiro os relatos abertos, que inviten á reflexión e, sobre todo, que sexan envolventes, que se substenten sobre si mesmos e sobre os mundos que crean. Gústanme as historias poliédricas, que amosan unha nova cara en cada lectura e poden ser comprendidas de diversas maneiras polos diversos lectores. E supoño que o que busco como lectora é o que intento transmitir como escritora.
– FL: En que se basea para escribir os seus libros?
– AM: No que me rodea e no que suscita o meu interese, na realidade, na fantasía, nas historias externas e internas. (…)
– FL: A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?
– AM: Os ilustradores son parte fundamental non só na LIX, senón na literatura en xeral. Pensemos, por exemplo, nas cubertas dos libros. A cuberta dunha obra é o primeiro contacto que o lector ou lectora ten cun libro, axuda a dotar de entidade ao libro como obxecto material e evoca unha sensación. Neste proceso os ilustradores xogan un papel fundamental. Eu síntome moi afortunada, pois sempre contei con ilustradores estupendos: Antonio Seijas, Noemí López e Víctor Rivas. (…)
– FL: Qué significa para vostede o oficio de escritora?
– AM: Non concibo a vida sen literatura. Achegueime a ela desde todas as perspectivas: como lectora, como filóloga, como escritora. A literatura supón plenitude.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– AM: A enorme dificultade de centrarse só na escrita e a necesidade de compaxinala con outra actividade laboral. A falta de apoios, xa non só a nivel económico, senón noutros aspectos como a difusión ou o recoñecemento da profesión como tal.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– AM: O mellor é que a LIX está asociada a unha maior liberdade creativa: o seu público natural é máis receptivo e máis aberto; tamén é máis fresco, sincero e crítico. O peor é que hai quen a considera unha literatura menor, máis fácil ou menos importante. Afortunadamente penso que esta concepción vai desaparecer nas futuras xeracións de lectores e lectoras que xa entenden a LIX como algo natural e necesario. (…)”