Entrevista de Carlos Loureiro a Alberto Avendaño en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Amigo Alberto, non podiamos obviar nesta entrevista o teu labor poético sen nos trasladar a aquel ano 1975 e o nacemento do “Grupo poético Rompente”… Que supuxo este grupo poético para a nosa lírica de comezos da democracia?
– Alberto Avendaño (AA): Responderche significa resumir unha vida ou o comezo dunha vida na literatura e nas artes da representación que remata vencellándose ao resto do meu quefacer. Naqueles anos, como escribín nalgures, eramos moi novos, tiñamos moitas ansias nas mans e moitas ganas de esnaquizalas. Sinto que fomos (especialmente Reixa, Romón e mais eu) un laboratorio de tres personalidades que viviron e sufriron as contradicións da súa época. As perversas militancias políticas que intentaban montarse a cabalo da experimentación dun rapaces que buscaban sobre todo a expresión e debían desembarazarse do afogo da mensaxe social realista á que nos obrigaba certa praxe e certa tradición que se revendía na historia doméstica que viviamos como o camiño correcto… Cometemos (cometín) moitos erros por mor desa presión dos que pensan que es deles porque falas unha lingua ou vistes unha chaqueta de pana. Pero finalmente redimes os teus pecados (sempre aquilo co que te apuñalas con sabia inconsciencia) turrando para diante e plasmando en textos máis do teu interior ca das pancartas dos teus donos ideolóxicos. Que significamos? Unha actitude –que sempre é máis transcendental cás aptitudes. Ser apto é un produto da técnica e do estudio, ter a actitude remexedora do teu tempo é sempre o máis importante…- logo, se cadra, escrebes ben… e se non, en calquera caso, fixeches ruído na longa noite de pedra… ata o punto que te rebelas contra a retórica dos que antes describiron a túa realidade, para escribir noutras claves e facer café concertos incorrectos e de certa fermosura adolescente. Iso é o que fixemos. (…)
– NG: E tras algo máis de vinte anos, unha nova obra poética (Texas). Que hai de innovador nesta nova obra a respecto da poesía túa daqueles anos setenta? Quizabes un pouco máis inmiscida na denuncia de inxustizas e algo máis narrativa?
– AA: Texas é o meu libro máis galego. Eu son coma Hernán Cortés: canto máis me afasto do Fogar do Breogán máis penetro nos seus castros. Texas é un roadpoem, entre Sam Shephard e Borges e un chisco de Corso e aquela busca de narrador lírico e sentimental que sempre serei. Denuncia? Mellor cabreo que é máis lírico. Máis ben acidez se procede e abraio a moreas na tradición da pedra solar de Octavio Paz.
– NG: O relato curto require unha fonda técnica que leva a que moitas das veces non se dean acadado os obxectivos narrativos que un busca. Por que tomares como referentes autores estranxeiros (O austríaco Peter Handke ou a brasileira Clarice Lispector)?
– AA: Porque eu daquela lía a Handke e a Clarice. Ollo con iso de “obxectivos narrativos”. O escritor escribe, non constrúe fórmulas químicas. O escritor comunica e fai cos seus vimbios o seu cesto. Non é un experto nin en cestería nin en vimbioloxía. Non convoques ao escritor para elaborar un discurso académico, convócao para propoñer o seu mundo cheo de intanxibles e se de aí a audiencia disfruta ou o profesor constrúe, todos contentos… Isabel Allende dicíame non hai moito que estaba farta de ser unha autora “máxica” e explicoume a súa rutina e logo, sen dicer esa palabra, eu comprendín a súa maxia. Pódesme crer, vive rodeada de maxia. (…)”