Onte, 28 de setembro, estreouse a nova web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Entre as novas funcionalidades destacamos:
• Agora as páxinas teñen unha URL amigable que contextualiza a páxina na que te atopas e contén información útil, como o nome do/a autor/a. Aténdese a cuestión de xénero:
/servizos-a-socios-as.
/centro-documentacion/autores-as/buscar.
/centro-documentacion/escritores-as-do-mes.
/centro-documentacion/autores-as/ledicia-costas.
• Maior relevancia das fichas de socios/as, o que unido á URL amigable favorece que os socios/as poidan mesmo difundir esta ficha dentro do portal da AELG como espazo web persoal.
• Buscador de socios/as accesible desde todas as páxinas. Tamén se incluíu a función de autocompletar, que ofrece suxestións a medida que se introduce a cadea de busca e permite ir directamente á ficha dun socio/a sen pasar pola páxina intermedia de resultados da procura.
• Sección de novidades editoriais en portada.
• Novo formato dos vídeos (mp4 e webM) no centro de documentación. Este novo formato permite visualizar os vídeos nunha calidade moi superior á actual e implica a recodificación e subida á web de todos os vídeos orixinais. Empezouse polos vídeos gravados individualmente a socios/as para posteriormente seguir coas seccións de vídeos das actividades, polafías e palabra audiovisual.
• Evítase a apertura de novas ventás do navegador, algo molesto para o usuario/a e moi pouco frecuente a día de hoxe. Así, as fichas de vídeos, actividades, novidades, obradoiros, etc, amósanse agora nunha, que vai integrada na mesma páxina nunha ventá de diálogo modal.
• Actualizouse á última versión dispoñible o editor HTML na ferramenta de administración.
• Novos espazos de vídeos “Videoteca de obras” e “Entrevistas a socios/as”. Ao estilo dos portais de vídeo actuais, amósase unha caixa de busca que permite buscar polo texto dos diferentes campos de catalogación (os que se amosan na ficha, como por exemplo, na “Videoteca de obras”, o título do vídeo, o título e autor da obra, o socio/a que le ou o lugar e ano de gravación). Na páxina de entrada, para non amosar só o buscador, amósanse 4 vídeos aleatorios (diferentes cada vez que accedes).
• A web foi deseñada para facilitar a creación no futuro dunha versión para dispositivos móbiles.
• Creación dun Espazo privado para cada Socio/a, que van dispor dun espazo persoal protexido por usuario-contrasinal desde o que terán acceso a servizos ofrecidos pola AELG (por agora, modificación da súa biografía e proposta de novas obras a incluír no Centro de Documentación).