Entrevista a Celia Díaz en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– Celia Díaz (CD): Comecei a escribir porque sempre me gustou inventar historias. A primeira que lembro era un diálogo entre un neno e un peixe, unha historia fantástica que transcorría nun ambiente submarino. Máis tarde, na adolescencia, era o modo de plasmar as miñas inquietudes, de coñecerme. (…)
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– CD: Busco sobre todo divertir ao lector e divertirme eu mentres escribo. Non busco transmitir unha mensaxe, non me gustan as obras didácticas pensadas para que os nenos aprendan determinados valores. Aínda que é evidente que eses valores están aí posto que selecciono uns contidos e rexeito outros, pero non hai nunca unha intención previa de escribir sobre eses temas.
Gústanme as historias fantásticas, con misterio, con notas de humor. Historias que trasladen o lector a outras épocas, a lugares afastados, que o mergullen en contextos moi diferentes dos que atopa no día a día.
O obxectivo principal é contar unha historia que interese e que cando remate faga pensar un pouco. Tampouco me gustan as historias totalmente pechadas; quero que o lector axude a completalas e se decate de cousas que están aí aínda que non aparezan de modo explícitos. Non penso nun lector pasivo que se limite a captar o que se lle conta, senón que descubra por si mesmo. Creo que iso é o pracer da lectura. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– CD: A literatura é unha actividade fundamental na miña vida. Como profesora, como lectora, como creadora. Síntome privilexiada de poder dedicarme ao que máis me gusta.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– CD: A principal é a falta de tempo para dedicarme plenamente. Non é doado compaxinar a actividade laboral e a vida familiar coa actividade literaria. Sempre é esta a que queda nun segundo plano.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– CD: O mellor é que se trata dun público moi entusiasta, tamén moi crítico, que di con total sinceridade o que opina.
O peor? Talvez os prexuízos que aínda subsisten acerca de que é unha literatura menor. (…)”