Mª Xosé Queizán: “A literatura galega deu grandes estilistas, que non quere dicir grandes escritores”

EntrevistaMaría Xosé Queizán de César Lorenzo Gil a María Xosé Queizán en BiosBardia:
“(…) – Biosbardia (B): Empecemos pol’A boneca de Blanco Amor. É unha novela na que o escritor percorre o texto case coma unha pantasma pero o protagonista real é Chile.
– María Xosé Queizán (MXQ): Blanco Amor estivo en Chile e pisou os lugares dos que se fala nesta novela. Eu sigo os seus pasos, intento captar o que el puido captar. Todo coa escusa da boneca, que é a orixe da obra e o elo entre Galicia e Chile. Como conto no libro, eu visitei Punta Arenas e alí souben da figura de Sara Braun, unha muller multimillonaria que dominou, xunto coa súa familia, a economía e a política daqueles territorios austrais. Alí, en Punta Arenas encontrei unha boneca a tamaño natural dela. E aí souben que aquela boneca é a que aparece na novela A esmorga. Non teño ningún dato para confirmalo pero eu sei que é así. E a partir de aí busco o fío para unir esa presenza en Chile coa personaxe da boneca e do fidalgo da novela de Blanco Amor. Pode dicirse que retomei a historia no punto no que el a deixa. Intereseime por quen era ese fidalgo e nesta novela ficciono sobre como puido ter sido a súa vida. (…)
– B: Pensa que hoxe en día si está valorado como merece?
– MXQ: El era unha figura impresionante, un home diferente, o grande escritor da Galicia do seu tempo. Un escritor realista, que fala do país de verdade, do pobo que el coñece. Conta unha sociedade que experimentou e que soubo reflectir coma ninguén. Durante moito tempo, as coordenadas da súa escrita non tiveron o recoñecemento que merecían pola propia dimensión da literatura galega, quizais demasiado encaixada no ruralismo. Blanco Amor falaba da cidade e hoxe gran parte da nosa literatura é urbana. De aí que se reivindique a súa figura.
– B: Nesa evolución vostede tamén tivo un papel destacado?
– MXQ: Cando afirmo que a literatura galega era ruralista é porque os escritores eran do rural. Era na aldea e no pazo onde se falaba o galego. Non na cidade. Eu nacín na rúa de Urzáiz en Vigo. O galego é a miña lingua de escolla, non de “nacemento”. Eu era adolescente e pensei: estou aprendendo inglés e a lingua do meu país non a coñezo. E empecei a falar en galego e nunca máis o deixei, a pesar de que talvez non coloque os pronomes con total corrección. A miña historia é un pouco a historia do país. As cidades aumentan a súa poboación con persoas procedentes do rural e o galego esténdese. E polo tanto, a literatura galega achégase a novos ambientes. Xa pode falar doutras realidades, non só do que pasaba no rural ou da Materia de Bretaña. (…)
– B: Son noxento componse ao redor dun monólogo, o dun home do que vostede chega a dicir na introdución que se fartou de rir con el.
– MXQ: É que o protagonista é un home noxento, como el mesmo confesa no título, desagradable, abxecto… pero que cae simpático. Non é un home que transmita co seu aspecto ou os seus acenos nada negativo. Ben ao contrario, é atractivo, simpático, ocorrente. E si, recoñézoo, mentres escribía esta historia, rin, e rin con gana. Na escrita deste libro sentinme libre. Na estrutura e técnica foi un reencontro coa miña primeira novela, A orella no buraco. Como obxectivos literarios, unha novela que dese noxo e que fose humorística a un tempo. O humor é algo que se me dá ben na man. (…)
– B: Hoxe en día, a presenza feminina nas letras galegas é moi destacada. A crítica gaba o bo nivel, especialmente na narrativa.
– MXQ: É unha evolución lóxica e parella á sociedade no resto de ámbitos. Hai un século as mulleres eran practicamente analfabetas todas. No meu tempo eramos moi pouquiñas as que podiamos acabar a escola. E conforme avanzou o tempo, a situación mellorou. Hoxe as mulleres son as que mellor rendemento académico teñen, ocupan a maioría dos postos escollidos por concurso público, por exemplo xuízas e fiscalas. Esa mellora xeral tamén se dá na literatura, especialmente na lectura. As mulleres son o motor da compra de libros. É normal que tamén se poñan a escribir. Para as letras galegas é unha gran noticia porque canda as mulleres entran temas até agora pouco tratados, aquelas áreas nas que as mulleres teñen protagonismo ou que elas queren considerar materia literaria.
– B: Que opina da literatura feminista que se fai arestora?
– MXQ: Sempre digo que Son noxento ben puido escribilo un home. Non hai ningún impedimento agás un: que os homes renunciaron a seren feministas. Noutrora había homes feministas e é necesario que volva habelos. Desde Simone de Beauvoir estendeuse o tópico de que deben ser as mulleres as que se defendan a elas mesmas, en exclusiva. É unha postura errada. É coma se dixésemos que os dereitos dos negros só deben ser defendidos polos negros. No caso da negritude e do feminismo, do que falamos é de verdade e sobre todo, de xustiza. E ese é un concepto no que deben traballar homes e mulleres. En canto ao feminismo practicado polas mulleres, coido que se retrocedeu en moitos aspectos. Para ser feminista, amais de reivindicar, hai que ler e formarse. Sen coñecemento científico sobre a ideoloxía, non hai avance posible. (…)”