Desde o Grupo Surrealista Galego, entrevista a Xesús González Gómez:
“- Grupo Surrealista Galego (GSG): Que é para ti, hoxe, o surrealismo (ou surrealismos)?
– Xesús González Gómez (XGG): O surrealismo (e surrealismo só hai un), é para min o que foi sempre: unha utopía. Ou, se queredes que tempere un pouco a expresión, unha difícil, penosa, procura dunha disciplina que abra os camiños a esa utopía, que non é outra cousa que a total realización social, poética e política do home e da muller. (…)
– GSG: Como entendes a unión entre Arte(s) e Vida(s)? Que proxectos tes (ou quererías chegar a desenvolver nalgún momento) vinculados (da maneira que for) ao surrealismo?
– XGG: As artes e a vida, que non se confunden, sempre están unidas, mesmo no proxecto máis cutre ou máis elitista. Por outra banda, cómpre non confundirmos as cousas. Como moi ben dixo Terry Eagleton: «Non se trata de que a arte substitúa á vida social, senón, máis ben, de que represente unha excelencia de vida á que a propia sociedade aspira. E a arte define aquilo en aras do que vivimos, mais non vivimos en aras da arte. Un argumento, xa que logo, aberto e cerrado ao mesmo tempo: Que xeneroso é pór a arte ao servizo da vida, mais que parcial resulta imaxinar que a arte abonda para definir aquilo que merece a pena vivir!».
Proxectos? Do que se entende por proxectos, eu, na miña vida fixen ningún. Perdón, se fixen algún foi, digamos, por amor ou compaixón cara a algunhas persoas amadas, pero en realidade nunca puiden cansarme de ter proxectos, porque, que recorde, nunca tiven ningún. Por carácter, tendo ás rupturas. Iso si, sen vontade e sen ruído. Voume e, logo, non me acordo de regresar. Ora, en realidade talvez si que tivese, talvez si teño proxectos, se por proxectos se entende o que di o crítico italiano de arte Giulio Carlo Argan: Proxecto é o que se fai no presente pensando para o futuro: é dicir, o proxecto é sempre presente. «actuante», contraditorio, dialéctico, etc. O outro, o que moita xente entende por proxecto é, simplemente, programación, e eu estou en contra de calquera programación. Por outra banda, considero que todos os meus proxectos, no sentido que lle dá o italiano, estiveron, e están, vinculados, desde que o descubrín alá polo afastado 1969, ao surrealismo. Cando escribo algo, cando fago algo, cando actúo politicamente ou socialmente, sempre penso que iso que estou a facer entra dentro do que chamariamos as coordenadas ou parámetros do pensamento, e da acción, surrealista.”