Entrevista a Ramón Caride en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cortázar sempre falaba, para referirse aos seus contos, que o motor dos mesmos era o sentimento de estrañamento. Que é o que move a súa literatura?
– Ramón Caride (RC): O mesmo que para Cortázar, coincido, a vida é unha cousa moi rara. O único que non nos permite ver a súa estrañeza é o feito de non parármonos a pensalo. É certo que eu teño obras máis “realistas”, pero iso é só en aparencia. A vida é sempre irreal, e a literatura tamén. Alén diso a miña obra literaria é moi variada, gústame cambiar de xénero e de enfoque en cada libro que publico. (…)
– FL: A ciencia ficción e o fantástico asumen a complexidade de aquilo para o cal non temos respostas racionais?
– RC: Xa sabes que a Fantasía Científica, vulgarmente chamada ciencia-ficción (termo que a min non me agrada moito) parte da ciencia, e por tanto ten unha base racional, ou debería tela. En cambio o Fantástico como tal, que pode ser imaxinario ou marabilloso, non ter porque xustificarse en ningún razoamento lóxico. En todo caso, unha variante e outra son proxeccións do espírito humano -enténdase isto non coma algo sobrenatural senón como o produto da actividade neuronal- que saen fóra do estritamente empírico, da mecánica de todos os días; por tanto é certo. Cumpren a necesidade de soñar do ser humano. (…)
– FL: No relato Os perigos da nostalxia aborda un tema realista dende a ficción. Hai tramas que poden acometerse mellor dende estes xéneros?
– RC: Eu xa concibo o relato coa súa forma, o argumento aparéceme xunto co xeito de contar ese argumento. En xeral é así. Nese relato en concreto, un amigo pediume un texto creativo que evocase os tebeos da miña infancia. Dinlle unha volta extrema, non vou contar máis, e saíu unha cousa curiosa. Eu pensei que mesmo humorística. Mais, para a miña sorpresa, este relato foi censurado. Conto isto no epílogo de Flash-Black 13. Daquela entendín o significado da censura sobre un escritor, cando me pasou a min. Tiven a sensación de facer unha viaxe atrás no tempo. (…)
– FL: Localiza historicamente O frío azul a comezos do século XVI. Por que lle interesaba esa época para contar esta historia?
– RC: Hai dous feitos históricos dos que focalizan a obra que aconteceron a comezos do século XVI: un auto de fe da Inquisición e a morte dun abade de Oseira; isto foi así. A idea inicial e algúns dos feitos esenciais da trama eran desta época. Por tanto, optei por mover todo o resto dos acontecementos narrados a este período. Creo que acertei. Tan sequera ningún dos historiadores que a leron –e foron uns cantos- me sinalaron anacronismo ningún. Todo isto cóntoo con máis detalle no epílogo desta edición de Urco. (…)”