Manuel Rivas: “Os depósitos de esperanza non están na política nestes momentos”

EntrevistaManuel Rivas a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“No Sermos en papel desta semana entrevistamos a Manuel Rivas e publicamos un adianto de O último día de Terranova, unha novela complexa, unha historia preñada de ducias doutras historias. (…)
– Sermos Galiza (SG): Parece unha homenaxe aos vellos libreiros, pero a verdade é que nesta novela hai un cento de historias que poderían dar para outra novela, ten moitas posibles ‘spin-off’.
– Manuel Rivas (MR): O que hai é unha confluencia de historias, de vidas reais e imaxinarias. A vida de Eliseo, que parece tan imaxinaria, resulta que é unha das máis reais do libro. Pero digamos que a imaxinación permítenos chegar a realidades, ensanchar, facer moito máis ampla a realidade, chegar a lugares descoñecidos, que é o que diferencia a literatura doutros xeitos de contar. A imaxinación é o lévedo da realidade. É que parece que está a realidade e despois o mundo da imaxinación e da fantasía. Pois non, non hai ningunha boa creación que se presente como froito da imaxinación que non teña amarre coa realidade. E unha compoñente fundamental da realidade é a memoria, sen memoria queda amputada, mesmo deixa de existir. A imaxinación necesita da memoria e viceversa, se non sería un faiado pechado do que non teriamos a chave. A imaxinación para levedar necesita do humus da memoria.
– SG: No “hipersector da comunicación”, como se definía os medios en Galiza nun traballo do Consello da Cultura no que participabas, tamén pasa iso de que non dá morto o vello e non dá nacido o novo…
– MR: Hai cousas, pero temos unha crise demográfica que si que afecta moito o mundo da comunicación. Para renovarse tamén necesitamos nova xente, novos lectores, estamos nunha especie de lento afundimento a nivel colectivo, porque Galiza está fóra de xogo politicamente, se existe e se manifesta é pola creatividade da xente en diferentes eidos. Por iso que existan medios como Sermos, como Luzes… pero eu confío moito na xente, xa non confío noutras cousas. Paréceme que non están á altura das circunstancias as ferramentas políticas que temos. Para min houbo unha proba neste momento, que era a gran confluencia en Galiza, unha grande oportunidade para termos unha alternativa de presenza en todo o que vai pasar no Estado. Por primeira vez había esa oportunidade e desaproveitouse toda esa forza que viña da primavera. Entón eu neste momento non quero saber nada de certas cousas. É dicir, vou dedicar a miña enerxía alí onde hai depósitos da esperanza. Penso que non están na política nestes momentos. (…)”