Artigo de Victorino Pérez Prieto en Sermos Galiza:
“(…) Xosé Neira Vilas era xustamente moi coñecido dos galegos, e xa levaba moitos anos figurando nos libros da literatura e da historia de Galiza, como un dos nosos meirandes escritores; como é sabido, o seu Memorias dun neno labrego é o libro máis exitoso da literatura moderna galega. Aínda que a morte de Anisia, a súa dona, o deixara moi tocado nos derradeiros anos, seguiu ben activo até a fin, agarimado especialmente pola xente da súa Fundación. Tiveramos moitos bos encontros nos últimos anos; eu recoñecéralle o moito que disfrutara cos seus libros, e el manifestarame o seu agradecemento particular polo que dixera -e logo escribira- do seu Balbino, nun memorable curso da UNED nos seus cincuenta anos; alí reflexionara verbo da gran sensibilidade relixiosa, a vez que crítica, que manifestaban Memorias dun neno labrego e Aqueles anos do Moncho. El tamén me manifestara de palabra e por escrito (nun dos seus artigos da “Cancela aberta” en “El Correo Gallego”) o moito que lle gustara o meu libro Prisciliano na cultura galega (2010), e polo que lle estou moi agradecido. (…)
Xosé Chao Rego tamén disfrutou moito en vida de xusto recoñecemento dos galegos, como ensaísta e creador de valiosos proxectos, sobre todo no eido da Igrexa galega. Pepe era cristián e galeguista, empeñado na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que a Igrexa galega fora un verdadeiro espazo e camiño de liberación. A nosa amizade foi máis longa e intensa, polo moito que compartimos xuntos; sobre todo na revista “Irimia”. Esta foi a neniña dos seus ollos, que alentou con ilusión desde antes de nacer; algúns dos seus primeiros números case os argallamos el mais eu sos na súa casa de Vilalba, cando eu vivía tamén en terras lucenses, nas parroquias de “Tras da Corda”, a comezos dos anos oitenta. Pepe Chao era un home creativo e xeneroso, como sabemos todos os que o tratamos. Era un “animal relixioso” -como el mesmo se definira- e un “galego renacido”; de aí os seus compromisos con Galiza e coa Igrexa galega, feitos sobre todo a través dos seus moitos escritos, pois era señor das palabras e un escritor de pluma áxil. (…) Pode que sexa moito dicir que as nosas foron “vidas paralelas”, e certamente fomos diferentes, pero o certo é que –ainda que el con máis de vinte anos máis ca min, e eu recoñeéndoo como mestre- as nosas vidas tiveron moito en común: ordenámonos de curas e logo casámonos xusto aos 25 anos de facelo (el xusto cando eu empezaba); como persoas que quixemos vivir intensamente a nosa fe relixiosa e cristiá, estudamos e afondamos na teoloxía e no pensamento e fixemos unha aposta clara por unha teoloxia renovadora e unha Igrexa comprometidamente galega; ambos tivemos a “funesta manía de escribir” –que dixo alguén- e escribimos e publicamos moito (el máis de corenta libros, eu levo máis de vinte, e ambos centos de artigos), sobre todo en galego e desde o claro compromiso con Galiza (el foi o que máis paxinas en galego publicou en toda a historia da literatura galega) (…)
Finalmente, Xosé Alvilares Moure, ainda que non resulta tan coñecido para o común dos galegos, foi outro home grande, clérigo crítico e galeguista como Chao, que tamén nos deu moitas e boas páxinas, e que me agasallou coa súa amizade xenerosa. Como Pepe Chao, a súa vida e obra enchen algunhas páxinas do meu Galegos e cristiáns. Alvilares era un home crítico, na Igrexa e na sociedad, rebelde, decidido defensor da renovación da Igrexa segundo os aires do Vaticano II; e tivo que pagar por iso un alto prezo que deixou reflectido no seu magnífico e longo ensaio Memorial de agravios (…)”