Como vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade ven de editar a Axenda Feminista 2016 que xa está dispoñible en diferentes puntos de venta.
Non podía faltar este clásico do Observatorio que xa vai pola súa sexta edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala. Se en anos anteriores a Axenda Feminista se centrou máis en ámbitos cultuais e se dedicou ás músicas, escritoras, teatreiras ou poetas galegas, para este 2016 que está a piques de comezar o Observatorio quere valorar e visibilizar o traballo de 12 científicas, unha por cada mes do ano. Mulleres galegas ou mulleres vencelladas a Galiza, que dende os seus proxectos de investigación contribúen día a día a mellorar as nosas vidas.
Ben poucas áreas de traballo levan contribuído tanto ao avance da sociedade como a ciencia e a tecnoloxía e, se moitas veces eses cambios sociais non adoitan recibir o recoñecemento social que se merecen, a invisibilización é moito maior cando se trata de mulleres. Moitas delas acadaron grandes logros que non sempre foron recoñecidos na súa xusta medida, e é por iso que desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos render a nosa pequena homenaxe a todas esas mulleres, ás pioneiras que abriron o camiño como María Sklodowska Curie, Lise Meitner ou Rosalind Elsie Franklin, como ás que seguiron.
Para o Observatorio da Mariña pola Igualdade é unha honra contar cos textos que escribiron expresamente para a Axenda Feminista 2016 de Vanessa Valedeiglesias García (Toxicoloxía Xenética), Josefina Ling Ling (Astronomía e Astrofísica), Aida Fernández Ríos (Bioloxía Mariña), África González Fernández (Inmunoloxía), Sonia Villapol Salgado (Neuroloxía), Alicia Estévez Toranzo (Microbioloxía e Parasitoloxía), Mª Isabel Fernández García (Química Inorgánica), Gloria Revilla López (Fisioloxía Vexetal), Elena Vázquez Abal (Xeometría e Topoloxía), Susana Martínez Conde (Neuroloxía), Ana Mª González Noya (Química Inorgánica) e Mª Isabel Loza García (Farmacoloxía). Son Elas na ciencia e acompañarannos no 2016, cada unha na súa especialidade, cada mes do ano.
A Axenda Feminista 2016 sobre Científicas galegas repite o formato da axenda de anos anteriores: tamaño A5, tapas duras, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos e das fotos de cada científica, tamén se poderá atopar unha pequena biografía das científicas para coñecer un pouco mellor o seu traballo e os seus proxectos, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2016. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Oreli Pello.
O prezo da axenda son 13 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 11 euros) e se pode atopar nos seguintes puntos de venta:
Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Vilalba: Papelería Pergamino 2.
Lugo: Libraría Trama.
Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith.
A Coruña: Livraria Suévia.
Vigo: Libraría Andel.
A xente que o desexe tamén se pode poñer en contacto co Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail observatorioigualdade@gmail.com ou do teléfono 627.037.668 para mercar a súa axenda. Fanse envíos por correo postal cun custo adicional de 2 euros.